- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS

Xesús Manuel Marcos gaña a XXI edición do Premio Risco de Creación Literaria por 'Lousas'
- O xurado valora “a historia que conta, que á vez son moitas historias, fálanos de algo próximo, recoñecible, e lévanos a pensar sobre as condutas humanas e os intereses que as moven”.
Ourense, outubro de 2020.-
O Concello de Ourense outórgalle o XXI Premio Risco de Creación Literaria a Xesús Manuel Marcos pola súa obra Lousas. O xurado, composto por María Beatriz Arias Fernández, Mila da Aira López e Jorge Llorca -gañador da edición anterior- e, actuando como presidente, o xefe de Sección de Cultura, Manuel Freire Cid, valora “a historia que conta, que á vez son moitas historias, fálanos de algo próximo, recoñecible, e lévanos a pensar sobre as condutas humanas e os intereses que as moven”.
Recoñécelle o xurado a forma na que está narrada: “Eficaz, quere isto dicir ao servizo da historia, e non de quen a escribe”, pero tamén destaca a súa “estrutura, o tempo literario, a precisión da linguaxe, as maneiras de contar e suxerir para que todo flúa nunha lectura capaz de seducirnos ata o final”. En definitiva, reza o fallo do xurado, “unha novela madura, correcta, ben feita, que nos devolve ao pracer da lectura”.
Xesús Manuel Marcos recibirá 6.000 euros e a publicación da obra, editada polo Concello de Ourense. Ademais, formará parte do Xurado na seguinte edición.
Presentáronse ao premio literario 10 orixinais, dos que dous foron desbotados por viren defectuosos.
-----------------------------------
(Información relacionada)
O Concello convoca o XXI Premio Risco de Creación Literaria, dotado cun premio de 6.000€ e a publicación da obra gañadora

Fin do prazo de presentación de traballos: 5/06/2019
Lugar de inscrición: Concello de Ourense, Praza Maior, 1
Máis información: Auditorio Municipal de Ourense (988 391 290)
Ourense, febreiro de 2020.-
O Concello de Ourense e a Fundación Risco convocan a vixésimo primeira edición do Premio Risco de Creación Literaria, que lle rende homenaxe a Vicente Martínez-Risco e ao seu fillo Antón.
Poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, e se exclúen teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais. O gañador do pasado ano foi Jorge Llorca.
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300. O prazo de entrega rematará o venres 5 de xuño no rexistro do Concello de Ourense.