- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS

Ourense, marzo de 2020.-
•O prazo de presentación de orixinais para ambos concursos rematará o venres, 5 de xuño.
•Nos vindeiros días, anunciarase tamén o novo concurso de relatos que se porá en marcha este 2020.
O Concello de Ourense abre a convocatoria de dous dos premios literarios máis senlleiros: o Risco de Creación Literaria e o Cidade de Ourense de poesía, ambos con premios de 6.000 euros e a publicación das obras gañadoras. Nos vindeiros días anunciarase, tamén, o novo concurso de relatos que se porá en marcha este 2020.
Poesía. O Cidade de Ourense de Poesía, que acada a edición número 36, distinguirá o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. O ano pasado tivo como gañadora a poeta Charo López. O Cidade de Ourense está aberto a todas as persoas que desexen participar, de calquera nacionalidade, agás quen gañaron o premio nas 5 edicións anteriores. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata as 14 horas do venres 5 de xuño.
Os traballos terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos. Presentaranse preferentemente en soporte dixital ou en papel por quintuplicado, baixo lema, indicando “Para o XXXVI Premio de Poesía Cidade de Ourense” nun sobre pechado, no Rexistro Xeral do Concello, directamente ou por correo certificado. As persoas que concorran de Portugal poderán entregar os seus traballos na Cámara de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos.
O xurado estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador da edición anterior e unha persoa representante da Corporación que exercerá a presidencia. A súa decisión será inapelable. Quen gañe tamén recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e formará parte do xurado na seguinte edición.
Risco. Igualmente, o Concello de Ourense e a Fundación Risco convocan a vixésimo primeira edición do Premio Risco de Creación Literaria, que lle rende homenaxe a Vicente Martínez - Risco e ao seu fillo Antón.
Poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, e se exclúen teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais. O gañador do pasado ano foi Jorge Llorca.
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300. O prazo de entrega rematará o venres 5 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, na Praza Maior.

Ourense, 28 de novembro de 2019
A obra co lema Mar adentro e o título O anxo de Durero, do autor ferrolán Jorge Llorca é a gañadora da vixésima edición do Premio Risco dre Creación Literaria, que convocan o Concello de Ourense e a Fundación Risco.
Así o acordou na xuntanza que celebrou este mediodía no Liceo o xurado deste certame, que estivo formado por Mario González, concelleiro de Cultura, Luis Martínez Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco, Andrea Fernández Blanco, tradutora, e María Fernández da Costa, profesora de lingua e literatura galegas, actuando como secretaria a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Mónica Fernández Valencia
O certame, que lles rende homenaxe a Vicente Martínez Risco e ao seu fillo Antón Martínez-Risco Fernández, está dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora. Presentáronse 20 traballos a esta edición
O xurado destaca da obra gañadora “a calidade da linguaxe literaria. Un texto que seduce xa desde o inicio, convidando a acompañar a historia e as personaxes até o desenlace”. Destaca sobre todo, dí o xurado, “a voz narradora, que se presenta como unha persoa de común pero ao tempo, excepcional. Tamén valoramos as descricións plásticas que trasladan dun xeito moi nítido, a persoa lectora ao interior da trama. O coñecemento e a idiosincrasia do pobo galego aparece perfectamente reflectido neste interesante relato”, subliñan tamén
Jorge Llorca une así o seu nome a autores e autoras como Xosé Carlos Caneiro, Ramón Caride Ogando, Isidro Novo, Xosé Vázquez Pintor, Alberto Ramos, Fernando R. Méndez ou Adelaida Vidal que acadaran este premio en edicións anteriores deste certame, que cumpre xa os 20 anos.

Ourense, novembro de 2019.-
O Concello de Ourense iniciará o luns Outono con apego, unha chea de propostas e actividades dirixidas ás familias con crianzas de 0 a 6 anos e tamén a profesionais da educación infantil. Charlas, recursos, contos e arrolos forman este programa de actividades, todas de balde, co obxectivo achegarlles ás familias recursos que axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa cos seus descendentes.
As propostas ofrecidas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense son as seguintes:
As actividades desenvolveranse na Sala Apego do Auditorio municipal, ás 18.00 horas. Son gratuítas, pero con prazas limitadas polo que haberá que inscribirse no teléfono 988.391.290 ou ben a través do correo electrónico normalizacionlinguistica@ourense.es.
O Concello de Ourense iniciará o luns Outono con apego, unha chea de propostas e actividades dirixidas ás familias con crianzas de 0 a 6 anos e tamén a profesionais da educación infantil. Charlas, recursos, contos e arrolos forman este programa de actividades, todas de balde, co obxectivo achegarlles ás familias recursos que axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa cos seus descendentes.
As propostas ofrecidas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense son as seguintes:
- Luns, 18 de novembro. Charla: “Os nenos e as nenas e a lingua, unha oportunidade”, a cargo do escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, Manuel Núñez Singala, que dará as claves para analizar, dun xeito ameno e positivo, a importancia de medrar en contacto co galego. Está dirixida a público adulto.
- Venres, 22 e luns, 25 de novembro: Contamos un conto e Recursos en galego para familias e persoal da educación infantil, ambas a cargo de Ruth Caramés de Fabaloba, que exporá unha chea de recursos para a crianza en galego: contos tradicionais, libros ilustrados, historias propias, contos con monicreques... e explicará que os contos ademais de ser un pracer en si mesmos tamén poden ser unha valiosa ferramenta de aprendizaxe.
- Mércores, 27. Obradoiro de arrolos con Mamá Cabra, o popular grupo que desde os seus inicios marcouse como obxectivo cantar, bailar e transmitir o gusto pola música á rapazada. Este obxectivo comeza nas voces das súas familias, polo que Gloria Mosquera e Diego Maceiras, aprenderanlles ás familias a transmitir o gusto pola música cun obradoiro de arrolos.
As actividades desenvolveranse na Sala Apego do Auditorio municipal, ás 18.00 horas. Son gratuítas, pero con prazas limitadas polo que haberá que inscribirse no teléfono 988.391.290 ou ben a través do correo electrónico normalizacionlinguistica@ourense.es.

Ourense, 26 de setembro de 2019
A Concellería de Cultura aposta por impulsar e potenciar os premios literarios de Ourense, e creará un novo certame a partir do próximo ano 2020. Trátase dun premio de relatos, ao que se poderán presentar obras escritas tanto en galego como en castelán. Este novo galardón únese ao Risco de Creación Literaria – que vai xa pola súa edición número 20-, e ao de Poesía Cidade de Ourense, o máis antigo de toda Galicia, que vai pola edición número 35.
O concelleiro de Cultura, Mario González, anunciou esta novidade esta mañá no marco da presentación da obra gañadora do Premio de Poesía Cidade de Ourense 2018: Prender os fachos, compoñer os ósos, de Carlos Da Aira.
O Premio de Poesía Cidade de Ourense foi creado polo Concello en 1980, e no ano 1982 foi ampliado á lingua portuguesa con motivo do irmandamento asinado entre Ourense e a Cámara Municipal de Vila Real.
En Prender os fachos, compoñer os ósos, o xurado salientou “un discurso despoxado de artificialismos mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario”. Unha obra _dí_ que “constitúe un exemplo de como é posible transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, ao final, unha das trabes – mestras da poesía”.
A edición do ano 2019 do premio de Poesía gañouna a boire nse Charo Lopes coa obra Álbum, cuxa presentación se realizará en 2020. En canto á outra convocatoria literaria do Concello, o Premio Risco, o prazo de presentación de obras rematou o día 20 de setembro e hai en total 20 exemplares presentados.
Outra das novidades que avanzou Mario González é que a partir de 2020 os prazos dos Premios Literarios uniranse e publicaranse e anunciaranse todos a principios de ano. A finalidade é aumentar o coñecemento e a participación. Posteriormente, o Concello organizará unha gala conxunta dos premios a finais de ano. Outras das novidades será a recuperación das entregas de libros de anteriores edicións dos premios literarias para darllas aos centros de ensino, bibliotecas e asociacións do Concello.

Ourense, 9 de setembro de 2019.-
A programación de teatro para bebés volve esta semana ao Auditorio Municipal, co inicio dunha nova edición do Programa Apego. Catro espectáculos para cativos e cativas de até 3 anos sucederanse para achegar a infancia ás artes escénicas, coma a música ou o teatro. Será unha cita cada mes, sempre con dobre sesión na sala Apego do Auditorio, ás 18.00 e 19.30 horas, gratuíto para bebés e a un prezo de 3 euros para persoas adultas. As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com, na sala de Exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
O primeiro espectáculo será o día 13 de setembro, co Pequeno gran show infantil - As nosas música d'aquí de Nelson Quinteiro. Esta é unha divertida proposta de contos, cantigas e escenografía da man do pintor Leandro Lamas. Un concerto didáctico moi colorido e participativo e unha viaxe polas historias, contos e cantigas da Illa de Con, alegoría de nós mesmos. O espectáculo conta coa participación do clown Señor Patajullo (Nelson Quinteiro) e o acompañamento do acordeonista Señor Cachelo (David Álvarez Caneda).
A cita do mes de outubro será o día 4, con Que animaliño é?, de Trécola teatro. Conta a historia de Paula, que co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos poidan coñecer os distintos animais. Representación para bebés que fará que gocen, coñezan e recoñezan as cousas que ven ao seu redor.
O 15 de novembro volverá a música con Son no berce, da Cova das letras. Espectáculo que esperta as emocións das crianzas a través de estímulos sensoriais: imaxe, palabras, tactos diversos, cheiros e músicas en directo, deleitarán os bebés e adultos que os acompañen. Unha experiencia única.
O ano escénico rematará o 13 de decembro, con teatro: Lixo, d¨O baúl da tía Lola. Espectáculo para goce familiar, especialmente pensado para bebés, que nos mergulle nun mundo de plásticos, luces, sonoridade e movemento. As dúas protagonistas, unhas bailadeiras moi peculiares, vivirán unha aventura na que teñan que "crear cultura a partir da varredura". Comunícanse con pareados, móvense con pasos de ballet inventados por elas mesmas e axúdanse de luces para crear diferentes atmosferas ao longo do espectáculo, dándolle ritmo e rima á obra.
APEGO vai dirixido ás familias que se preparan para a chegada dun novo membro e tamén para as que teñen nenos e nenas de até 6 anos. O programa quere axudar á socialización en galego e propón o uso da lingua galega “para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do nosos fillos e das nosas fillas”. Máis información, en apego.gal

Ourense, agosto de 2019.-
O Proxecto Youtubeir@s, no que participa o Concello de Ourense xunto cos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña, vén de recibir o 'Premio Mil Primaveras' na categoría de proxecto máis innovador. Recoñeceuno así o xurado -que fixo público no día de onte a súa decisión- ao ver en Youtubeir@s unha iniciativa que aborda “un medio prioritario para o futuro do idioma”, xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da plataforma Youtube xera “unha grande atracción na xente nova”. O xurado, ademais, sinalou que o proxecto “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube”.
Os 'Premio Mil Primaveras', creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosa a súa gratitude por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro. “É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña”, sinálase dende a organización ao tempo que se destaca este elemento “fortemente colaborativo dende as institucións” como “unha característica fundamental” da iniciativa.
Tal e como apunta o xurado, Proxecto Youtubeir@s representa unha iniciativa innovadora que, dende o punto de vista da organización, “conecta coa mocidade e capta a súa atención empregando os seus mesmos códigos comunicativos”, o cal significa “unha clara adaptación aos novos tempos”. Por último, a coordinación do proxecto admite que un recoñecemento como o que a CTNL lle outorga a Youtubeir@s, garante “unha gran visibilidade” á hora de achegarse a máis público.
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

O Concello de Ourense e a Fundación Risco convocan a vixésima edición do Premio Risco de Creación Literaria. Un certame dotado cun premio de 6.000 euros máis a publicación da obra gañadora, que lle rende homenaxe a Vicente Martínez Risco e ao seu fillo Antón Martínez-Risco Fernández.
A Xunta de goberno local do Concello aprobou na súa sesión desta semana as bases e a convocatoria do premio, centrado no xénero narrativo. Poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, e se exclúen teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
O prazo de entrega rematará o venres día 20 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, na Praza Maior.

Ourense, xullo de 2019
María del Rosario López Sanchez é a gañadora do XXXV Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, reunido esta mañá no Auditorio, seleccionou o seu poemario entre os presentados por un total de 49 participantes provintes de Galicia e de Portugal. Baixo o título "Álbum", Charo López Sánchez presentou un poemario do cal o xurado destacou a súa claridade nítida. A obra -subliñou- ofrece unha estética clara e coherente onde na súa lectura, un vaise imaxinando as imaxes que recrea. En canto os temas tratados, salientan o autocuestionamento moi sincero da propia vida e da ética.
O xurado elixiu esta obra por unanimidade e valorou moi positivamente a calidade de todas as persoas participantes.
Na elección deste XXXV Premio de Poesía Cidade de Ourense participaron:
- Carlos da Aira (gañador da pasada edición).
- Celia Pereira (activista cultural).
- Rochi Nóvoa (poeta ourensá).
- Mónica F. Valencia (Técnica de Normalización do Concello de Ourense).
O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros e a publicación do publicación do libro.