CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Volver

    Ourense, xuño de 2019 
     
    O Proxecto Youtubeir@s afronta a súa terceira edición co reto de consolidar a comunidade de creación de vídeos en galego que medrou ao abeiro desta iniciativa durante os últimos anos. O proxecto, que desenvolven os servizos de normalización lingüística de Ourense e outros doce concellos galegos, as tres universidades e a Deputación da Coruña, eleva a 6.500 euros a súa dotación en premios para seguir promovendo e dándolle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube. O lema este ano é 'Conéctate á comunidade e multiplícate!. O prazo de inscrición estará aberto ate o 27 de setembro.
     
    Os premios Youtubeir@s teñen como finalidade ser acicate da creación e difusión de vídeos de opinión e vídeotitoriais en galego. Poden optar aos premios todas as persoas maiores de 14 anos que queiran transmitir algún coñecemento e/ou opinar sobre algún tema de interese a través de vídeos autoproducidos subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle.
     
    Na súa edición anterior, máis de 380 persoas, de 18 a 80 anos, acudiron aos cursos de formación e que ao abeiro do proxecto se produciron máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Máis de 400 persoas participaron xa nas dúas edicións dos Premios Youtubeir@s.
     
    O certame aumenta este ano de 5.500 a 6.500 euros a dotación dos seus premios, repartidos nas categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos (novidade desta edición), e os que recoñecerán as pezas de maior creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e lingüística.

    Tamén haberá premio do público
     
    Xunto co concurso, Youtubeir@s inclúe tamén cursos e obradoiros formativos para alumnado de secundaria e “Youtubeir@s en conexión”, que persegue consolidar a comunidade existente e fomentar o intercambio con dous eventos en Coruña en xuño: Lista de Reprodución e Xornada para Youtubeir@s. 
    Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
     
    Toda a info e inscricións en youtubeir@s.gal.
     
    Ourense, abril de 2019
     
    O prazo para presentarse a 35 edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que distinguirá o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa, rematará o vindeiro 12 de abril. O Concello recorda a todos os interesados que quedan dúas semanas para que os interesados en participar entreguen as súas propostas para optar a este galardón dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora. O ano pasado tivo como gañador o poeta allaricense Carlos da Aira, coa obra “Prender os fachos, compoñer os ósos'.
     
    O Cidade de Ourense está aberto a todas as persoas que desexen participar, de calquera nacionalidade, agás os que gañaron o premio nas 5 edicións anteriores. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata as 14 horas do 12 de abril. 
     
    As bases completas pódense consultar nos espazos web do Concello de Ourense (www.ourense.gal) e da Concellería de Cultura (www.ourensecultura.com)  Os traballos terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos. Presentaranse preferentemente en soporte dixital ou en papel por quintuplicado, baixo lema, indicando “PARA O XXXV PREMIO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE” nun sobre pechado, no Rexistro Xeral do Concello (Praza Maior, s/n), directamente ou por correo certificado. As persoas que concorran de Portugal poderán entregar os  seus traballos na Cámara de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos. Unha persoa pode presentar máis dunha obra ao certame, sempre e cando cada unha se presente de forma independente e cumprindo todos os requisitos. 
     
    O xurado estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador da edición anterior e unha persoa representante da Corporación que exercerá a presidencia. A súa decisión producirase no mes de xuño e será inapelable. Quen gañe tamén recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e formará parte do xurado na seguinte edición.
     
    Carlos da Aira
     
    O certame tivo  como gañador na pasada edición o poeta allaricense Carlos da Aira, cuxa obra “Prender os fachos, compoñer os ósos' foi elixida por unanimidade por un xurado composto por Luís Tosar, poeta e presidente do Pen club Galicia, Soedade do Muíño, profesora de lingua e literatura galegas, Edelmiro Vázquez Naval, poeta, e Fernando Fitas, xornalista e poeta gañador da edición anterior.
     
    O xurado valorou a obra do seguinte xeito: “Alicerzado nun discurso literario despoxado de artificialismos, mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario, esta obra constitúe un exemplo de como é posíbel transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos días que corren”.
     
    Santiago, febreiro. 
     
    O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, lanza a súa terceira edición coa meta de consolidar a comunidade de youtubeir@s que naceu, participou e medrou ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos. “Este obxectivo únese así á esencia última do Proxecto Youtubeir@s, que non é outra que promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube”, sinalou a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández Valencia, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago; José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; Goretti San Martín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e Gumersindo Feijóo, vicereitor de Planificación e Proxección Estratétixca da USC, presentou en representación das institucións organizadoras esta mañá, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o groso de actividades que se desenvolverán neste 2019.
     
    Na presentación, lembráronse diferentes cifras ao respecto das dúas edicións anteriores. En concreto, destacouse que máis de 380 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 80 anos, acudiron aos cursos de formación e que ao abeiro do proxecto se produciron máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Ademais, máis  400 persoas participaron xa nas dúas edicións dos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que, para esta edición, aumenta o número de categorías e incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 euros de 2018 aos 6.500 euros desta terceira convocatoria. A cifra repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos. Precisamente, esta última categoría é a gran novidade deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en Youtube. A estas catro categorías súmanselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns, hai que sumarlles o premio do público, chamado #propostayoutubeira, coa que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. Este ano, amplíase o prazo de inscrición, que principia hoxe mesmo, 13 de febreiro, e remata o vindeiro 27 de setembro.
     
    Formación
    Outro dos piares do Proxecto Youtubeir@s dedícase á formación, que este ano centrará parte dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados principalmente á comunidade educativa. Aínda que Youtubeir@s é un proxecto interxeracional, son precisamente as xeracións máis novas -as que naceron xa como nativas dixitais- as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación. Por ese motivo, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.
     
    Youtubeir@s en conexión
    Outra vía de traballo do programa para esta nova edición titúlase Youtubeir@s en conexión e o seu obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate. Con esas metas, desenvolveranse no mes de xuño na Coruña dous grandes eventos. O primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, no que diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede.  
     
    O segundo deles será a Xornada para Youtubeir@s, na cal se convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras.  
     
    A estas tres liñas de acción: as actividades, os premios e a formación, cómpre engadirlles outras iniciativas de visibilización, como a acción nas redes sociais, a presenza en festivais e eventos culturais, ou programas de accións de difusión da lingua que se darán a coñecer e se desenvolverán ao longo deste novo ano youtubeiro.
     
    Organización
    Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
     

    Logo do descanso estival, este venres, día 14 de setembro comezamos as actividades do Apego, teatro, música, danza para bebés en galego.
    Será o grupo A run run que presenta o seu espectáculo Calcetíns, en dúas sesións, ás 18.00 e ás 19.00horas. As crianzas de 0 a 6 anos entran gratis,e para poder chegarmos a máis público recomendamos unha persoa adulta por bebé.
    Continuamos tamén coa programación dos domingos, ás 12.00 horas, será Culturactiva coa representación de Saaabor!  espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.
    Podes consultar toda a programación na Axenda.
    DESDE O PROXECTO APEGO
    Queremos axudar á socialización en galego e propoñervos o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do voso fillo ou da vosa filla. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo.
    E lembrade: Se queredes formar parte da comunidade Apego e o voso fillo ou filla naceu no ano 2018 ou se aínda estades agardando a súa chegada, temos unha caixa de material diverso que pode resultarvos interesante e que nos gustaría entregarvos. Se xa é/son máis grande(s), temos tamén outro agasallo que pode ser moi animado e divertido. Podedes pasar polo Servizo de normalización lingüística do Concello de Ourense no Auditorio municipal ou chamar ao teléfono 988 391290
    Pódese ver toda a información que xera este programa no conxunto dos concellos que participamos e coñecer moitos outros recursos visitando de cando en vez a páxina xeral do proxecto www.apego.gal ou a que mantemos nunha rede social www.facebook.com/apego.gal
    Ourense, abril de 2018.
     
    A segunda edición dos Premios Youtubeir@s, co lema de Mostra o Youtubeir@ que levas dentro, celebra a gala final o vindeiro 20 de abril na Coruña logo de recibir máis de 300 vídeos presentados nas súas tres categorías: video-opinarmos, vídeo - facermos e canles. Estes premios repartirán 5.500 euros e, entre os participantes, haberá unha nutrida representación ourensá: 5 vídeo opinarmos, 6 vídeo-facermos e 3 canles con cinco vídeos cada unha.
     
    A participación estivo moi repartida por todo o territorio galego, máis nos ámbitos urbano e vilego e menos no rural. Por idades, a maior participación é na franxa de idade de 30 a 50 anos (o 40%) seguido de 18 a 20 anos co 31%. Nesta edición apréciase unha mellor calidade nos vídeos que na pasada,e aínda que segue a haber xente que só presenta un vídeo, contamos tamén coa participación de youtubeir@s xa consolidados que posúen as características propias destes: polo xeito de facelos, xeración de comunidade, periodicidade creando contidos..; algún xa contan cunha comunidade consolidada.
     
    En canto á temática haberá vídeos que tratan temas de actualidade: Igualdade de xénero; vídeos como ferramenta educativa: vídeos técnicos; que recollen a sabedoría popular de persoas maiores; e tamén contamos cos habituais de cociña e vídeos de horta.
     
    Os responsables do programa decláranse moi satisfeitos co proxecto xa que entenden que “foi capaz de introducir o galego como lingua vehicular dos xénero propios do youtube, incorporando nesta edición as rewies, e os remakes, por exemplo”.
     
    O pasado ano, a gala de entrega de premios tivo lugar no Teatro Principal de Ourense.
     
    Ourense, marzo de 2018
     
    O programa Apego, no que participa o Concello de Ourense, recibiu esta semana o premio Xoán Manuel Pintos, que outorga o Concello de Pontevedra, en recoñecemento ao seu labor a prol da promoción da lingua galega. O xurado subliñou o labor levado a cabo desde a última edición por esta iniciativa “porque consegue sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial das súas fillas e dos seus fillos”. 
     
    Apego é un programa que se desenvolve desde os servizos municipais de normalización lingüística a aquelas familias que se preparan para a chegada dunha crianza, ou que xa a teñen, acompañándoas na transmisión da lingua desde unha perspectiva integral, ao facilitar argumentos en positivo, achegar recursos, crear redes e comunidade e arroupar en definitiva a crianza en galego con arraigo, orgullo e identidade. O Servizo de Normalización do Concello de Ourense proporciónalles unha caixa de benvida á familias que agardan unha criatura ou acaban de tela e facilítanlle información das actividades que se desenvolven na nosa cidade e consellos para unha crianza en galego.
     
    Apego propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, descubrir o mundo, asentar o arraigo á terra e crear redes que impulsen e arroupen o uso do galego coas crianzas. Dá a coñecer os recursos que existen e crea novos, para que as nenas e os nenos adquiran a lingua de maneira natural a través de contos, xogos, seres máxicos, adiviñas e cancións; crea comunidade para facilitar a presenza da lingua nos espazos de socialización dos primeiros anos de vida; e pula para que o futuro da lingua sexa tan forte e tan cheo de esperanza como as nenas, os nenos e as familias, que son a esencia do traballo a prol da lingua.
     
    APEGO é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. É un proxecto dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo,Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
     
    Premios ao impulso da lingua galega en 3 modalidades
    O Premio Xoán Manuel Pintos é unha iniciativa do Concello de Pontevedra co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega. 
     
    A entrega do premio tivo lugar no transcurso dunha gala celebrada o xoves, 15 de marzo, no Pazo de Mugartegui, na Praza da Pedreira, en Pontevedra
     
    Nesta edición, ademais do premio ao programa Apego polo labor realizado na súa última edición, foron distinguidos tamén co premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional,  Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias.
     
    Finalmente, entre todas as propostas presentadas pola cidadanía o xurado e resolveu premiar á Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega 
     
    O xurado estivo formado por Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística; Beatriz Campos de Migallas Teatro e Luís Davila, premios Xoán Manuel Pintos no ano 2016; José Luís Rodríguez, representante da asociación cultural Os de Algures; Begoña Mayo, da asociación de veciños Eduardo Pondal; Elena Gallego Abad, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Jorge Potel, do ENL do IES A Xunqueira II; Beatriz Corral Sánchez, representante da Administración autonómica- SXPL, e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra.
     

    Ourense, marzo de 2018

    O Concello de Ourense convida a cidadanía a participar na segunda edición dos Premios Youtubeir@s, unha iniciativa que ten como finalidade promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube.

    Ate o xoves, 15 de marzo, as persoas interesadas poderán presentar as súas propostas, en tres categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle e optar así a 3 premios de 1.000 euros e cinco de 500 euros para os vídeos gañadores.

    O xurado valorará tanto o enxeño e a creatividade coma a calidade técnica, a eficiencia comunicativa ou a calidade lingüística.

    Vídeo-Facermos. Esta categoría é para os vídeos nos que se amosen os saberes e procesos de elaboración a través de titoriais para que outra xente poida aprender. Así, entrarían nesta categoría receitas de cociña, trucos de maxia, habilidades especiais, etc.

    Vídeo-opinarmos. Trátase de expor unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese e dun xeito argumentado. A temática é libre.

    Canle. Pódese presentar ao certame unha propia canle de vídeos, sempre que sexan de produción propia. Valorarase a calidade na creación de contidos, a traxectoria, a constancia e a capacidade de repercusión (número de visualizacións, comentarios, interaccións...)

    Na primeira edición dos Premios, Ourense tivo un protagonismo moi activo con dez participantes. A presentada por Eira Losada chegou até a final do concurso. Para esta segunda edición, o propio alcalde, Jesús Vázquez, anima á participación con este vídeo.


     

    Toda a información e bases completas, en www.youtubeiras.gal

     
    A programación para bebés volverá ao Auditorio de Ourense este venres, 2 de febreiro da man de Raquel Queizás, que representará Nanocontos, pequenos relatos da vida cotiá interpretados por animais. Esta actividade forma parte do programa Apego, dirixido a familias e crianzas de 0 a 6 anos, que ten como finalidade fomentar a socialización en galego, a través de contos e música.

    Nanocontos é un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade dos bebés (de ata 3 anos) a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese. Cóntanos que cada día é unha nova aventura chea de cousas que aprender mentres xogan coas cores, as formas e a música, xa que cando se é tan pequeno até as cousas máis sinxelas se converten en todo un reto. Haberá dúas funcións de 40 minutos ás 18.00 e ás 19.00 horas. As entradas para crianzas de 0 a 6 anos son gratuítas. As restantes pódense adquirir na venda anticipada por 3€, ou no Auditorio o propio día, a 4€.

    As actividades do programa Apego continuarán o primeiro venres de cada mes, no Auditorio. As próximas citas serán o 2 de marzo, con “Os contos do chupete” de Migallas, o 6 abril con “Tilintilonia” do Baúl da tía Tola, o 4 maio con “Puño Puñete” de Baobab e o 1 de xuño con “Letras e notas” de Magín Blanco, sempre con dúas sesións, ás 18.00 e ás 19.00horas.

    Caixa de benvida, información e consellos para as familias

    Apego é un programa que se desenvolve desde os servizos municipais de normalización lingüística a aquelas familias que se preparan para a chegada dunha crianza, ou que xa a teñen, acompañándoas na transmisión da lingua desde unha perspectiva integral, ao facilitar argumentos en positivo, achegar recursos, crear redes e comunidade e arroupar en definitiva a crianza en galego con arraigo, orgullo e identidade.

    O Servizo de Normalización do Concello de Ourense proporciónalles unha caixa de benvida á familias que agardan unha criatura ou acaban de tela e facilítanlle información das actividades que se desenvolven na nosa cidade e consellos para unha crianza en galego.
    Máis información aquí 
    Páxinas: 1 2 3 4 5 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica