CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Volver

    Ourense, febreiro de 2021.-

    A xunta de goberno local aprobou as bases e a convocatoria de dous premios literarios máis senlleiros deste Concello: Por unha banda, o XXXVII Premio de Poesía "Cidade de Ourense"; pola outra, o XXII Premio Risco de Creación Literaria. Ambos están dotados cun premio de 6.000 euros. O Cidade de Ourense chega á súa 37ª edición, e o Risco de creación literaria, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, a número 22.

    Bases:

     
    Ourense, 1 de decembro de 2020.-
     
    A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, dará a coñecer as persoas gañadoras dos seus doce premios a comezos do mes de decembro. Neste atípico 2020, por mor das circunstancias sanitarias, a organización do certame substituirá a gala de entrega por un formato dixital no que os/as finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistados/as polas poetas Lucía Aldao e María Lado. 
     
    As conversas serán emitidas en Youtube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20.00 h, mentres que a decisión definitiva do xurado ao respecto do palmarés se fará pública tras a ponte de decembro. Nesta cuarta edición, os Premios Youtubeir@s bateron as marcas de participación, ao duplicar amplamente as inscricións. Se en 2019, a concorrencia acadara a cifra de 240 vídeos e 50 canles, neste 2020 o xurado decidiu entre 537 vídeos e 68 canles.
     
     
    Entrega de premios en liña. Tras a decisión do xurado (conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montes), a actividade de difusión continuará en Youtube e nas redes sociais dos Premios Youtubeir@s, xa que AldaoLado realizarán entrevistas con cada unha das persoas premiadas e promocionaranse as iniciativas galardoadas nos doce premios ao longo do mes de decembro. 
    Dende a organización dos premios destácase que entre os/as concorrentes deste ano se atopa un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polos/as yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, fútbol, videoxogos ou o rap contan con maior presenza.
     
    7.500 euros en premios. A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nos doce galardóns do certame neste ano. Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos en lingua galega con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como di o lema deste ano.
     
    O concurso conta coas seguintes categorías: 
     
    · Canle (1.000 euros)
    · Vídeo (1.000 euros) 
    · Youtubeir@ (1.000 euros)
    · Calidade lingüística (500 euros)
    · Impacto (500 euros)
    · Calidade técnica (500 euros) 
    · Comunicación (500 euros)
    · Creatividade (500 euros)
    · Musical (500 euros)
    · Didáctico (500 euros)
    · Pioneiro (500 euros)
    · Premio do público (500 euros)
     
     
     
    Ourense, 26 de novembro de 2020.-
     
    As restricións sanitarias pola COVID obrigaron a adialo en primavera, pero a vixésima edición da Correlingua volve mañá, venres, cun programa orientado a transmisión en redes desde espazos seguros. Entre eles, o salón de actos do IES As Lagoas, que contará coa actuación das Aldaolado -Lucía Aldao e María Lado- e coa proxección do vídeo que gañou o premio Correlingua na categoría de secundaria, EBI, realizado por alumnos do CPR Seminario Menor.
     
    A Concellería de Cultura do Concello de Ourense, organizadora entre outros desta actividade educativa e festiva a favor dos dereitos do uso da lingua galega, substitúe así as tradicionais ruadas, xogos populares e festa final no Auditorio por un acto adaptado aos tempos de emerxencia que estamos a vivir e que poderá seguirse en directo.
     
    Cada ano, máis de 20.000 rapaces e rapazas en idade escolar participan no Correlingua. Na súa vixésima edición xa hai casos de profesorado que no seu día participou como alumnado.
     
    O evento poderá seguirse en liña a través deste enlace: https://www.youtube.com/watch?v=E_VVd4l-PcU&feature=youtu.be
     
    Ourense, novembro 2020.-
     
    A primeira edición do Premio NÓS de relatos, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense e dotado con 3.000 euros, xa ten gañador. A honra correspóndelle a Francisco Rozados Rivas, co seu relato A miña vila, “un relato costumista que nos fala de personaxes senlleiras dunha vila”, recolle o fallo do xurado, “cunha linguaxe moi coidada e moito humor e retranca” que, ademais, “consegue facer unha detallada descrición das personaxes sen perder o bo ritmo narrativo”.
     
    O segundo premio, dotado con 1.000 euros, recaeu no relato A liña 15C, escrito por Maria Cristina Rey Vázquez. O xurado destaca a temática tratada, moi actual nos tempos que corren de inxustizas sociais, e que consegue manter a incerteza até o final.
     
    Completa o cadro de gañadores Manuel Darriba Blanco, co relato Cabalgar, unha creación “moi cinematográfica”, en palabras do xurado, “con moito ritmo que é capaz de meternos na situación que están na vivir”. Por este texto sobre a precariedade no traballo, a loita sindical e a manipulación informativa, Darriba Blanco gaña 500 euros.
     
    Os tres relatos serán publicados nun libro conxunto, do que recibirán 25 exemplares cada unha das persoas premiadas.
     
    Máis de 60 traballos presentados
    O I Premio NÓS de relatos, para o que se solicitaban textos orixinais e inéditos de entre10 e 50 páxinas, recibiu 63 exemplares. Foron valorados por un xurado composto por tres membros: Eladino Cabanelas Fernández, Concepción López Fernández e Lucía López Cedrón.
     
    Ourense, 13 de marzo de 2020.-
     
    A Concellería de Cultura presentará no Claustro de San Francisco os libros dos gañadores dos Premios Literarios de 2019, o Risco de Creación Literaria e o de Poesía Cidade de Ourense. 
     
    O xoves día 18 de xuño, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación da obra gañadora do XX edición Premio Risco de Creación Literaria, coa presenza do autor Jorge Llorca que gañou o certame co título O anxo de Durero. Asistirán Luís Martínez Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, e Mario González, concelleiro de Cultura. Na presentación haberá unha actuación do  actor Avelino González, que representará "Risco contado", en homenaxe a unha das figuras claves da Xeración Nós.
     
    O xoves 25 de xuño, tamén no Claustro ás 20:00 horas, terá lugar a presentación da obra gañadora do XXXV edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense coa presenza da autora Charo Lopes, que gañou o certame co título Álbum. No acto estará o poeta Carlos da Aira, gañador da edición do Premio de Poesía no 2018, e Mario González, concelleiro de Cultura. Ao remate haberá unha actuación musical.
     
    Premios Literarios de 2020
    O pasado día 5 de xuño remataba o prazo para a presentación de obras para os premio Risco e o premio de Poesía deste 2020. Ata este momento, hai un total de 10 propostas presentadas para o Risco, e 27 para o de Poesía, a falta de que poda chegar algún traballo máis presentado en rexistros doutras cidades.
     
    Premio Nós de Relatos
    A novidade deste ano é o Premio Nós de Relatos, que nace baixo as actividades conmemorativas do centenario da Revista Nós que se están a desenvolver nestes meses. A data límite para presentar propostas para este certame é o 4 de setembro.
     
     
    Ourense, 29 de maio de 2020.-
     
    O Concello de Ourense aprobou esta mañá, en xunta de goberno extraordinaria, as bases e a convocatoria do Premio Nós de relatos 2020, unha das actividades coas que a Concellería de Cultura quere incentivar a creación e publicación en galego no centenario da Revista Nós. Este premio únese aos de Poesía Cidade de Ourense, que vai xa pola súa XXXVI edición, e ao Risco de creación literaria, na XXI edición. Este novo premio, dotado con 4.500 euros en premios -3.000 euros para o primeiro, 1.000 euros para o segundo, e 500 euros para o terceiro-, réndelle homenaxe a un dos proxectos culturais colectivos máis singulares, o que fixo que Ourense merecese o alcume de Atenas de Galicia.
     
    Bases. Poderán participar todas as persoas que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade, sempre que as súas obras se presenten en galego. Os traballos que se presenten terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de extensión de 10 páxinas e un máximo de 50, estar escritos en letra Arial, corpo 12 e interliñado 1,5. Presentaranse preferentemente en soporte dixital, nos seguintes formatos: .pdf e .doc, libreOffice ou similar. No caso de optar pola presentación en papel, os orixinais presentaranse por cuadriplicado. (Enlace ás bases)
     
    As obras deberán presentarse cun lema ou pseudónimo, indicando “Para o Premio NÓS de relatos” nun sobre pechado. No interior, e noutro sobre pechado e co mesmo lema ou pseudónimo, figurará unha fotocopia do documento de identidade do autor ou autora (DNI, pasaporte, NIE), enderezo, o seu teléfono e o enderezo electrónico.
     
    Cada persoa só poderá presentar unha obra. O prazo improrrogable de presentación rematará ás 14 horas do 4 de setembro de 2020 e a entrega farase directamente no Rexistro do Concello de Ourense, ou por correo certificado a este mesmo enderezo.
    O Xurado cualificador será nomeado pola Concellaría de Cultura e estará formado polos seguintes membros: O concelleiro de Cultura, como presidente; como secretario, un técnico do Servizo de Cultura; e tres vogais de recoñecida solvencia. A súa decisión será inapelable e a reunión terá lugar no mes de outubro.
     
    Ademais dos premios en metálico, os relatos gañadores serán publicados nun libro conxunto.
     
    Actividades Centenario Revista Nós
     
    No seu centenario da saída da Revista Nós do prelo, a Concellería de Cultura promoveu unha comisión organizadora -creada o 22 de xaneiro- para coordinar os actos en colaboración con diversas asociacións e entidades da cidade. A propia Concellería organizará os actos directamente contando coa colaboración das entidades representadas nesta comisión. Xunto coa aprobacións das bases do premio literario, están previstas ás seguintes accións:
     
     · Colocación dunha placa conmemorativa a Florentino Cuevillas.
     · Exposición Significado de Nós que se instalará en distintos espazos da cidade.
     · Presentación dos libros dos Premios Literarios de 2019.

    Polo que supuxo no seu día esta publicación e porque unha boa parte das persoas que colaboraron neste proxecto, a chamada Xeración Nós, era oriúnda da nosa cidade, o Concello utilizará o logotipo conmemorativo que se promoverá en todas as áreas. 
    Ourense, 27 de maio de 2020.-
     
    Os Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa cuarta edición con cambios significativos nas súas bases e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. 
    O concurso estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, auto producidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. Deste xeito, os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até vídeo blogs políticos ou vídeo consellos de moda. Ao tempo, buscan darlles visibilidade tanto á produción en galego coma á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.
     
    Ampliación de categorías
    Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 contémplanse doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros.
    O palmarés desta cuarta edición será escollido un ano máis por un xurado profesional, conformado por persoas de recoñecido prestixio. Nesta ocasión, estará conformado por Brais Romero, crítico audiovisual e director da revista A Cuarta Parede; Matías Tarrío, xornalista, redactor e director de programas de televisión; Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Xoana, compositora e cantante; e a xornalista audiovisual Mabel Montes. O xurado decidirá a relación de finalistas en cada apartado con anterioridade ao acto de entrega e non poderá deixar deserta ningunha das categorías. 
     
    Prazo de inscrición
    O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premio Youtubeir@s abre hoxe mércores, 27 de maio de 2020, e pecharase o 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h. Cada participante debe inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal, onde se poden consultar as bases completas desta cuarta edición. 
     
    Premio do Público
    O único galardón que non decidirá en exclusiva o xurado será o Premio do Público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases xerais. 
     
     
    Ourense, 4 de marzo de 2020
     
    O Concello de Ourense porá en marcha este ano o Premio Nós de Relatos, unha iniciativa que nace con motivo da conmemoración do centenario da Revista Nós, coa que quere render homenaxe ao traballo deste grupo, á revista e en definitiva a un dos proxectos culturais máis singulares e que situaron a cidade de Ourense como a Atenas de Galicia.
     
    Esta tarde ás 19:00 horas, na Sala Valente, terá lugar unha nova xuntanza -a terceira, despois da que se mantiveron en xaneiro e febreiro- da comisión de traballo para a preparación dos actos de conmemoración do centenario. Tras as diversas propostas de entidades e institucións participantes, procederase a aprobar a programación de actividades que ocuparán os vindeiros meses.
     
    Entre estas, destaca a creación do Premio Nós de Relatos, por parte do Concello de Ourense. Este certame terá carácter anual, e nos vindeiros días aprobaranse as bases definitivas.
     
    Aínda que o forte das actividades resérvanse para o outono, hai moitas que xa se están a desenvolver e que tamén están programadas para as vindeiras semanas. Algunhas destas son: roteiros literarios, colocación dunha placa conmemorativa na casa de Florentino Cuevillas, Xornadas Vicente Risco e as vangardas históricas, roteiros de Nós, exposicións, así como unha programación especial para o Día das Letras Galegas.
    Dentro da comisión de actos de conmemoración do ano Nós participan 16 entidades e colectivos, xunto coa Concellería de Cultura: Museo Arqueolóxico Provincial, Biblioteca Pública de Ourense, Deputación de Ourense, Universidade de Vigo, Fundación Otero Pedrayo, Fundación Risco, Arquivo Castro Vicente, Liceo de Ourense, Amigos da República, PSdeG-PSOE, BNG, Ciudadanos, PP, Agrupación cultural Auriense, Coral de Ruada Orfeón e Gtupo Marcelo Macías.
     
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica