CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Volver

    Ourense, 30 de setembro de 2020.-
     
    Nove espectáculos de diferentes artes escénicas forman a programación do Auditorio Municipal de Ourense para o mes de outubro, que comezará o próximo domingo, co espectáculo “Alquimia”, do Mago Teto. Danza, teatro, maxia, música de cámara e de orquestra forman as propostas da programación elaborada pola Concellería de Cultura. Entre elas, a tradicional cita dos domingos co programa infantil. As entradas poderanse adquirir en www.ataquilla.com.
     
    Domingo, 4, ás 12,00h. Espectáculo: “Alquimia”, do MAGO TETO (3€)
    Durante milleiros de anos, os alquimistas, nómades con grandes coñecementos nas matemáticas, na física, na química, na astroloxía e incluso no ocultismo, viaxaron cos seus laboratorios ambulantes por todos os lugares do mundo cun obxectivo concreto. Ese obxectivo era atopar a Pedra Filosofal.
     
    Xoves, 8, ás 20,30h. Danza. Espectáculo: “Soma”, de Javier Martín (5€)
    SOMA é unha experimentación escénica e matérica que se concentra no estudo do corpo e do movemento como sombra e fragmento. A medida e o peso son expresión da súa potencia e desaparición, a súa necesaria grieta e abismo. Un saír do rito. Instalación e performance que bailarín, escultor e iluminador comparten, transitando por diferentes estados físicos, conceptos estéticos e calidades de movemento, relacionándose e difuminando roles mediante esculturas, materiais, ambientes, obxectos e coreografías que se van despregando nun espazo conformado ante o espectador.
     
    Domingo, 11, ás 12,00h. “Lambetadas”, de Talía Teatro (3€)
    Sinopse: Unha lambetada é un doce, algo saboroso, que se come por gusto. Pero tamén é a acción de pasar a lingua buscando un efecto agradable. Partindo da dobre acepción da palabra elaborarase un doce e gorentoso espectáculo teatral, pasando a lingua a modiño, con deleite, sobre unhas historias que nos deixarán un doce sorriso nos beizos.
     
    Mércores, 14, ás 20,30h. Concerto: Enclave de Cámara, Airas Ensemble. (8€)
    Quinteto de ventos con piano cunha brilante traxectoria. Integrado por músicos da Orquestra Sinfónica de Bilbao, NDR Radiophilharmonie de Hannover, Real Filharmonía de Galicia e Orquestra Vigo 430, desenvolven a súa actividade camerística desde 2011. Está formado por Laurent Blainteau, frauta (que substitúe a Julia Estévez), Roberto Baltar, óboe, Beatriz López, clarinete, Alfredo Varela, trompa, Santiago López, fagot, e Alicia Permuy, piano.
     
    Venres, 16, ás 20,30h. Concerto: Orquestra de Vigo (8€)
    A Orquesta Clásica de Vigo é una formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. 
    Nos seus 36 años de historia as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos últimos anos realizou propostas de danza, cine en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. É a formación máis antiga de Galicia, pola que pasaron máis de 300 músicos, dos que moitos son artistas de primeiro nivel en orquestras nacionais e internacionais. A orquesta ofrecerá unha proposta centrada na obra de G. Gershwin Rhapsody i n blue, que contará co pianista galego Alberto Vilas como Intérprete.
     
    Domingo, 18, ás 19,00h. “A viaxe de José do Campo”, do grupo Fiadeiro. (3€)
    Sinopse: Adaptación literaria na que a personaxe central da peza comeza a súa viaxe dende o seu pobo natal no Caurel ata Nova Orleans. Unha viaxe na que perorre a súa historia vital na procura da súa identidade. Este proxecto foi desenvolto dentro do terreo pedagóxico que propón a ESAD de Galicia que unido á enerxía de O Fiadeiro conforman un espectáculo dificilmente repetible.
     
    Xoves, 22, ás 20,30h. Espectáculo: “Bailar agora” de Marta Alonso (3€)
    Sinopse: Bailar Agora é unha sorte de imperativo cara un posicionamento no presente social e persoal. Un impulso por situarnos no tempo actual, no afecto e na emoción que estamos a compartir aquí e agora a través da danza.
     
    Domingo, 25, ás 12,00h. Espectáculo: “Pinconús” de Pinconús Teatro (3€)
    Pínconús é unha comedia musical para toda a familia. Un día calquera, unha estación de tren, tres persoas que queren viaxar, unha billeteira que ven e que vai… Estación de orixe: Aquimesmo. Destino: Pínconús, ese lugar ao que todos quieren ir pero ao que moi pouca xente se atreve. Unha espera de absurdos encontros e desencontros mentres o tren está por chegar.
     
    Xoves, 29, ás 20,30. Espectáculo: “O montacargas” de Ainé Produccións. (5€)
    Sinopse: O Montacargas é unha obra teatral escrita nun só acto por Harold Pinter no ano 1957 e que foi enmarcada polo teórico Martin Esslin dentro da corrente dramática "Teatro do Absurdo". A historia narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están pechados nun cuarto, unha estancia miserablemente amoblada. Os personaxes discuten sobre noticias de prensa e equipos de fútbol.
     
     
    Ourense, 25 de setembro de 2020.
     
    Lorena Conde é a gañadora da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que convoca o Concello. O xurado do certame, reunido esta mañá, acordou concederlle o galardón á escritora natural de Pontesampaio (Pontevedra) polo poemario As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor.
    O xurado destacou a ”calidade lingüística e a estética coidada” da obra, así como “a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora”.
     
    Subliña tamén a voz poética “que amplía o imaxinario falando desde a subalternalidade, introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras e coloca os coidados no centro facendo unha lectura contemporánea da dificultade da conciliación. En definitiva, unha poesía que conmove e non deixa indiferente”.
     
    O certame premia o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. Está dotado cun premio de 6.000€ e a publicación da obra gañadora.
     
    O xurado estivo formado por Cesar Lorenzo (crítico literario), Edelmiro Vázquez (poeta ourensán) e Charo Lopes, gañadora de edición pasada.
     
     
    Enviamos foto da videochamada que compartiu o xurado coa gañadora (abaixo á esquerda)
     
     
    Ourense, 24 de setembro de 2020.-
     
    A exposición 'O significado de NÓS' instálase desde mañá, venres 25 de setembro, no primeiro tramo da rúa do Paseo -desde os xardíns do Padre Feijóo até o cruzamento coa rúa Alejandro Outeiriño- para dar a coñecer o significado da Xeración NÓS para Ourense. A mostra, de carácter itinerante, percorrerá distintos barrios da cidade, e pasará pola Ponte, A Cuña, O Couto e pola Praza da República (fronte á Biblioteca Nós).
     
    A través de 12 paneis explicarase, dunha forma gráfica e visualmente atractiva, o que significou a Revista Nós, da que se cumpre o centenario. Un movemento que transcende o cultural, pois tentou modernizar Galicia, dignificar a súa cultura e as súas xentes. 
     
    A exposición artéllase da seguinte forma: 

    Que é Nós?

    Precedentes

    Como nace Nós

    Proxecto colectivos

    O valor do coñecemento

    Tradición e modernidade

    A modernización da Galiza

    Nós europeísta

    Nós e Portugal: Camiñando cara á lusofonía

    Proposta da Fundación Vicente Risco
    O 22 de xaneiro creouse a Comisión Centenario Nós que tiña como fin principal servir de coordinadora de todos os actos que as entidades da cidade propoñan para conmemorar este aniversario. A Fundación Vicente Risco propuxo a creación desta exposición e o seu carácter itinerante.

    Enlace á exposición.
     
    Ourense, 16 de setembro de 2020. 
     
    A poesía circulará o sábado pola mañá nas liñas de autobús de Ourense. A Bela Auria, que se celebra ese mesmo día na Praza do Bispo Césareo, promove a actividade “NÓS urbanos”, que converterá os autobuses da cidade en arterias literarias.
     
    Antía Balvís, Carlos da Aira, Tamila Alem e Ori Darko, levarán a celebración de NÓS aos barrios do Vintenún, O Couto, Barrocás e Mariñamansa. Forman parte dunha xeración de poetas e dicidores que emerxe e dinamiza a cidade, que como sempre se fixo nas xeracións literarias da Auria, xuntan tamén o seu talento ao evento. Desde as 12:00h, tomarán varias liñas de autobús, enchéndoas de poesía e anunciando e contaxiando do espírito festivo da xornada, para rematar ao redor das 14:30h na parada da Alameda.
     
    A Praza do Bispo Cesáreo será desde as 12:00h o epicentro cultural da cidade, que volverá por unhas horas a aquel esplendor dos anos vinte do século pasado. O espazo acollerá xogos tradicionais, área de lecer e enredos para cans, un mercado creativo, e recunchos con lembranzas da historia da cidade, como o antigo Hotel Roma, os cafés cantantes, o Castelo de Ramiro ou a sanguinaria familia dos Cadórniga. O conxunto, “un universo mítico, máxico e plástico”, fará viaxar ás visitantes ao Ourense clásico. Para acceder ao recinto non se require reserva de entrada. 
     
    A ducia de horas programadas inclúen ademais unha oferta para todas as idades e públicos, concertos, teatro, cine, contacontos, ou obradoiros, sucederanse para celebrar o centenario de NÓS, traendo á memoria os anos 20. Son actividades que si que requiren reserva de entrada para cumprir cos aforos de seguridade pola COVID-19.  A acollida do público está sendo moi boa e na maioría dos actos a organización xa colgou o cartel de “completo”. As promotoras da festa chaman a "contaxiar seguridade", e apelan ás asistentes a tomar as medidas preventivas individuais fronte á COVID-19. "Queremos festa, pero sen descoidar a seguridade. A responsabilidade depende de todas".
     
    Ourense, 15 de setembro de 2020
     
    A compañía ourensá Sarabela Teatro presentará esta semana no Auditorio a súa última montaxe, A lingua das bolboretas, adaptación da novela orixinal de Manuel Rivas, con dirección e dramaturxia de Gonçalo Guerreiro. Esta mañá tivo lugar a presentación do espectáculo, na que participaron o director e integrantes de Sarabela Teatro, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o técnico de Cultura do Concello de Ourense, Manuel Freire. 
     
    A obra representarase no Auditorio o mércores 16 e o xoves 17 ás 21:00 horas, con aforo limitado a un máximo de 60 persoas, con máscara e sempre cumprindo coas indicacións da orde de 2 de setembro da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Ourense.
     
    As entradas pódense adquirir en ataquilla.com.
     
    Ourense, 14 de setembro de 2020.-
     
    As Xornadas Vicente Risco e as vangardas históricas”, que organiza a Fundación Vicente Risco coa colaboración do Concello, comezarán hoxe, luns, 14 de setembro, ás 20:30 horas, coa proxección do filme “Berlín. Sinfonía dunha grande cidade”, de Walter Ruttmann (Alemaña, 1927) na Casa da Cultura de Ourense (local de proxección do Cine Clube Padre Feijóo), con música en directo a cargo de Caspervek Trío. O aforo para esta actividade é 40 persoas.
     
    As xornadas continuarán o mércores, 23 de setembro, con dobre cita:
    20:00 horas. Conferencia: “Vicente Risco e a creación dun imaxinario galego”, a cargo de Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da arte e fotógrafa
    21:00 horas. Presentación do libro “A orixinalidade radica na orixe. O concepto da imaxe galega na estética de Vicente Risco”, da editorial Doutor Alveiros.

    Intervirán Luis Martínez Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, a autora Iria-Friné Rivera Vázquez, Felipe-Senén López Gómez, historiador da arte e museólogo
     
    Ambas actividades serán na biblioteca pública de Ourense Xeración Nós, en San Francisco. O aforo: 20 persoas
    A terceira e última cita será o xoves, 24, con dúas propostas:
     
    20:00 horas. Conferencia “Vicente Risco, o oriente e o celtismo”, de Felipe-Senén López.  
    21:00 horas. Conferencia “A música e a danza nos compositores e artistas galegos dos anos 20 e 30”, de Ramón Rodríguez, músico e arquiveiro de Cantigas da Terra (A Coruña), tamén na biblioteca pública Xeración Nós. O aforo é 20 persoas
     
     
    Ourense, sábado 12 de setembro de 2020.-
     
    Baixo o lema “Celebremos Nós”, o vindeiro sábado 19, volve a festa histórica A Bela Auria, que vén a homenaxear o esplendor cultural de Ourense no anos vinte do século pasado. Os Xardíns do Bispo Cesáreo serán o epicentro das actividades. O acceso ao recinto será libre con control de aforo, e será preciso reservar entradas para as actividades concretas do programa.
     
    Ademais, a festa é inclusiva, e en varias actividades haberá intérprete de signos. En solidariedade coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense -APSOU-, haberá sitios reservados nas primeiras filas para facilitar a visibilidade da intérprete. Os animais son benvidos, incluso terán un recuncho no que retratarse.

    Protocolo COVID
    Para un óptimo desenvolvemento da festividade, será necesario chegar ao espazo de cada actividade cunha antelación mínima de 20 minutos, para facilitar a entrada graduada. En caso contrario, o asento reservado non estará garantido.
     
    Actividades que precisan reserva de entrada en abelaauria.eventbrite.es
     
    11h00. Visita guiada: NÓS e Blanco Amor | A Bela Auria
    Unha visita guiada pola obra literaria do xenio ourensán Eduardo Blanco Amor.
    Comentaremos pasaxes das súas obras "A Esmorga" e "La Catedral y el Niño", xunto a momentos claves da súa vida, e falaremos da súa relación cos outros intelectuais de Auria para axudarnos a comprender a súa obra.
     
    12h00. Circanelo. (Novo circo. Compañía Fredi e Cía.)
    Circanelo é teatro xestual, danza e acrobacia; é espontaneidade, sorpresa e diversión; entusiasmo tenrura e enxeño. É un personaxe de varios recursos que combina diferentes disciplinas tuteladas por un marcado rexistro de clown para crear unha historia absurda sobre un artista coa intención de presentar o seu espectáculo, custe o que custe.
     
    12h40. O Nubinete e o paraugas Dameaugas. Sesión de contacontos con Anxo Moure.
    O Nubinete do paraugas Dameaugas chega á Bela Auria nunha homenaxe á infancia, á diversión, aos parques, aos patinetes e a D. Juan de la Coba, co seu invento máxico do paraugas universal!!
    Preparados, listos, xa... despegamos acompañados por unha intérprete para lingua de signos. Anímate a voar!
     
    13h15. Obradoiro de Lindy Hop
    Queres aprender as bases do baile swing máis popular?
    O lindy hop é un baile nado entre a comunidade afroamericana de Harlem, en Nova Iork, asociado á música swing das big bands daquela. Sería o que chamaríamos popularmente o "rock and roll dos negros". É un baile dinámico, divertido, desenfadado pero tamén elegante e moi identificado cos tolos anos 20. Anímaste a probar? Anótate e a mover o esqueleto na Bela Auria!
     
    13h30. Sesión vermú: The Swinging Flamingos
    A enerxía vibrante da era do swing mestúrase con elegancia en The Swinging Flamingos, que buscan transferir a esencia das grandes bandas norteamericanas .
    Déixate levar e goza dun espectáculo cheo de enerxía, swing e bo humor, que che fará esquecer todos os males.
     
    17h30. Escape Room: O misterio das linguas de NÓS
    Aventura en familia: Axuda a esclarecer o roubo da revista Nós!
    Alguén roubou o primeiro número da revista NÓS a noite anterior ao día que ía ser levada á imprenta!!
    O roubo foi na casa de Vicente Risco, e o propio Risco atopou unha nota firmada polo ladrón co pseudónimo "O Trasno da Vila". Risco chamou á Garda Civil para denunciar os feitos e activar a operación de búsqueda e rescate do número roubado.
    Agora a Garda Civil require da colaboración cidadá para dar co "Trasno da Vila" e recuperar o número 1 da revista Nós.
    Apúntate! Fai as túas pesquisas, bota unha man á autoridade!
     
    18h00. Nós, as mulleres. Roteiro teatralizado.
    Alá polo 1933, vendo a situación no seu país, Alemaña, Margot non cre que poida volver á terra que a acolleu cos brazos abertos, a súa Galicia querida.
    Nunha última escapada para reencontrarse coas letras, coa fala e cos agarimos dos seus colegas de NÓS, Francisca crúzase no seu camiño e aínda que non se coñecían, descobren no seu percorrido o que as une, as letras e o amor á terra.
     
    18h00. Obradoiro de esgrima antiga
    Os amigos da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga súmanse de novo á Bela Auria cunha demostración de técnica de combate con espada e broquel, espada rapieira, rapieira e daga e, se a cousa se anima, sable de duelo e espada de man e media.
    Achegarannos tamén a oportunidade de poder ser nós mesmas quen practiquemos esta antiga e nobre tradición. Nenos e nenas, e tamén persoas maiores teremos a posibilidade de facer asaltos cos monitores das actividades. Anótate!
     
    18h00. Acto poético central
    Acto central da Bela Auria, no salón nobre do Liceo.
    Participan:
    Carmen Conde. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC, e diplomada en Dramaturxia pola ENERC (Bos Aires). Actriz, humorista e guionista, proclamouse gañadora da final compostelá do primeiro Slam Poetry Compostela.
    Miguel Ángel Sampedro Terrón presenta un recitado poético en directo en Lingua de Signos, que segue acompañado de español falado. Recita varios dos seus propios poemas e pode incluso incluír algúns outros de poetas famosos.
    Mantedor: O limiao Alexandre Folgoso será o mantedor do acto. É un artista visual e filólogo especializado en estudos literarios. Na súa obra explora a relación entre fotografía e motivo poético, reinterpretando elementos da tradición cultural galega desde un prisma contemporáneo. Na actualidade traballa no que será o seu primeiro fotopoemario.
     
    19h15. Carmen Conde: Tabú. -Narración oral-
    Narración oral baseada nas intimidades das nosas devanceiras.
    Tabú é o novo espectáculo de Carmen Conde, nado froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto, sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.
    Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.
    Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.
     
    21h45. Cinema musicado: A quimera do ouro
    O antigo cinema clásico. A QUIMERA DO OURO. Unha das obras mestras do cinema de Chaplin.
    "A quimera do ouro" é unha película de comedia muda estadounidense de 1925; escrita, dirixida, producida e protagonizada por Charles Chaplin. É considerada unha das súas obras máis famosas e el mesmo declarou varias veces que era a película pola que máis quería ser recordado.
    Verémola musicada en directo ao piano.
     
    23h30. Concerto Marian Ledesma & Tinaquero Brothers
    Con máis de 20 anos de experiencia nos escenarios, Marian Ledesma, volve a ela na compaña dos irmáns Tinaquero: Juan (contrabaixo) e Luis (guitarra), figuras indispensables da escena Blues en Galicia.
    Traen eses blues clásicos, dos que Robert Johnson, Ma Rainey, Bessie Smith, Elisabeth Cotten, Etta James e incluso Billie Holliday nos deixaron como legado para a nosa bagaxe musical e cultural. Coa voz persoal de Marian Ledesma, imos viaxar por Mississippi, Chicago ou Nova Orleans para pechar .

    Enlace á reserva de actividades.
     
     
    Ourense, setembro de 2020.-
     
    O Concello de Ourense abre desde o día 10, até o 30 setembro, o prazo para solicitar as axudas da convocatoria 2020 de subvencións para actividades culturais e festivas. Darán apoio á realización de programas, proxectos ou actividades culturais e recreativas na cidade considerados de interese público que sexan promovidos por asociacións ou entidades sen fin de lucro; así como ás festas patronais, romarías e outras celebracións de carácter tradicional ou senlleiro promovidas por asociacións de veciños e comisións de festas.
     
    As entidades interesadas poderán solicitalas durante un prazo de 15 días, hábiles, que comezará mañá, día 10 e rematará o día 26 de setembro, a través do Rexistro Xeral do Concello ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.
    Estas axudas correspóndense coas LIÑAS I e II do Plan estratéxico de subvencións da Concellería de Cultura:

    LIÑA I Subvencións a asociacións e entidades sen fin de lucro que desenvolvan accións no eido cultural:
    Proxectos relacionados coas artes escénicas, musicais, artes plásticas, cinematográficas e literatura.
    Edición, publicación ou impresión de libros, publicacións seriadas ou obras audiovisuais en calquera soporte.
    Actividades que teñan por obxecto o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial da cidade de Ourense.

    LIÑA II Subvencións a asociacións de veciños e comisións de festas que desenvolvan accións no eido festivo: Festas patronais, romarías e outras celebracións de carácter tradicional ou senlleiro.
     
    As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios obxectivos que se concretan nas bases, que se poden consultar na páxina web do Concello e no BOP do sábado, 29 de agosto. O extracto da convocatoria está publicado no BOP do mércores, 9 de setembro.


    DOCUMENTACIÓN
     
    Podes consultar aquí as 
     
     
    Páxinas: Primeiro ... 2 3 4 5 6 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica