CONTACTO

  • Expo Nós
  • os nosos fondos
  • yout
  • Audi
  • I. Tascón
  • Volver

    Ourense, 6 de febreiro
     
    O Auditorio Municipal de Ourense programa para esta fin de semana tres espectáculos: teatro para bebés, mañá, venres, en dobre sesión (18:00 e 19:00 h) con Levántate Xan, danza para público adulto, o sábado, con Sin título 97/17, de Sil produccións (20:30 h), e teatro infantil na cita dos domingos pola mañá (ás 12:00 h), con Segundo caviloso. As entradas para estes dous últimos espectáculos pódense adquirir a través da páxina web www.ataquilla.com, na sala de exposicións de Afundación na Praza Maior e o no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función. 
     
    Levántate Xan: Contos para bebés é un espectáculo para nenos e nenas de ata 6 anos, que A Trastenda dos Contos representará o venres, 7 de febreiro na Sala Apego, en dobre sesión,  ás 18 e 19 horas. Son 30 minutos de historias, xogos e cantigas na que os animais da granxa son os verdadeiros protagonistas. A entrada é gratuíta e cada menor debe acudir coa compañía dunha persoa adulta.
     
    O sábado, 8, o dúo formado por Mikel Aristegui e Masako Hattore reestrearán o espectáculo Sin Título 97/17, ás 20:30 horas. O dúo foi creado en 1997, xunto con Marcela San Pedro, a partir da invitación da asociación “Artistes Face au SIDA” para participar nunha gala do día internacional da loita contra a SIDA, o 1 de decembro, na Sala Patiño de Ginebra, nunha época durante a cal as asociacións de loita contra a enfermidade comezaban a facerse visibles na paisaxe europea. Ourense recibe esta reinterpretación do dúo, tendo en conta o novo entorno desenvolvido nestes últimos 20 anos. Sin título 97/17 é unha declaración de amor”, asegura a compañía. Entradas desde 5 euros
     
    A terceira cita será o domingo, ás 12:00 h, con Segundo caviloso, de Lila teatro. Segundo Caviloso é especialista en artes marcianas. Desde a súa máis tenra infancia sentiuse atraido polos números e non pode deixar de contalo todo. A máxima na súa vida é resolver grandes enigma e pasa o tempo coma verdadeiramente lle gusta: cavilando. Mentres reflexiona sobre os seus asuntos é capaz de voar entre ecuacións e fórmulas imaxinarias con solucións improbables. Segundo atrévese con todo, mesmo cunha clase maxistral de física cuántica aplicada sobre superficies peludas. As entradas, desde 3 euros en ataquilla.com.
     
    Ourense, 6 de febreiro de 2020.-
     
    O Concello reforza a programación do Entroido de Ourense 2020 coa finalidade de potenciar a súa dimensión de Entroido líder no Noroeste peninsular. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que presentou a programación de actividades xunto ao concelleiro de Cultura, Mario González e representantes dos Entroidos da cidade: As Pitas de Eiroás, Paquita e Nicanor de Seixalbo e Frei Canedo da Ponte.
     
    Como principal novidade, o Entroido de Ourense (13 ao 26 de febreiro) contará por primeira vez con 3 desfiles. Xunto ao tradicional de comparsas e carrozas do domingo, 23 de febreiro, incorpora un desfile infantil (venres, 21, 12.00 h) no que participarán 1.300 escolares da cidade, e un desfile dos Entroidos da cidade (o mesmo día, ás 20:30 h), que percorrerán as rúas e prazas da zona vella da cidade.
     
    Tamén se reforza a programación coa actuación de orquestras (catro en total: o sábado, o domingo, o luns e o martes) na Praza Maior, ademais das actividades de animación de rúa, o pregón de Moncho Borrajo, as sesións de DJ´s, as festas e actividades infantís ou a elección do Rei ou Raíña do Entroido, o Enterro da Sardiña e as actividades propias dos entroidos da Ponte, Seixalbo e As Eiroás. 
     
    O Concello editou 40.000 exemplares coa programación do Entroido 2020, que fará chegar nos próximos días aos domicilios de toda a cidade.
    “Vai ser un excelente Entroido de cidade”, asegurou o alcalde de Ourense, quen lembrou que a nosa é “indubidablemente a cidade galega e do noroeste de España co mellor entroido que hai. Non hai ningunha cidade que poda competir con nós e esperamos seguir liderando ese ránking”, afirmou.
     
    Destacou as melloras da programación -a primeira, lembrou, que organiza este goberno municipal-, subliñando aspectos como os dous novos desfiles ou as actuacións de orquestras na Praza Maior o domingo e o martes, así como a “forza cada vez maior” que están a adquirir os entroidos da cidade. “O Entroido de Ourense vai cada vez a máis e é o que esperamos para este ano”, asegurou Pérez Jácome. 

    Concurso de comparsas.
     
     
    Ourense, 03 de febreiro de 2020.-
     
    A cita do mes de febreiro co Enclave de Cámara, este xoves 6 de febreiro ás 20:00 horas no Liceo de Ourense, reunirá dous dos músicos máis talentosos do panorama internacional da música clásica: Isabel Villanueva (viola) e François Dumont (piano). As entradas pódense adquirir en ataquilla.com ou no propio espazo, dúas horas antes da función.
     
    Isabel Villanueva (viola) é unha das violistas máis importantes da nova xeración. Actuou como solista con orquestras en Europa, Rusia, Medio Oriente e China. Ela é pioneira na presentación de concertos en numerosos lugares onde a viola nunca fora programada como solista. En 2013 converteuse na primeira violista estranxeiras en realizar recitais en Irán. Está particularmente involucrada na nova música colaborando con compositores e obras escénicas, moitas dedicadas a ela, por S.Gubaidulina, M.Sotelo, G.Khayam, J.Cervelló, H.Khoury, T. Marco, J.Zárate e B. Olivero, entre outros. 
     
    Bohèmes, o seu primeiro álbum, foi gravado xunto a François Dumont en outubro de 2017 e recibiu premios de The Strad, Melómano de Ouro, Scherzo Magazine, Top 10 RITMO Magazine, e en 2018 foi galardoado co Mellor Álbum Clásico do Ano nos Premios MIN de Música Independente.
     
    En 2015 recibiu o recoñecemento institucional de Marca España como “embaixadora do talento español no mundo”. Ese mesmo ano recibiu o Premio “El Ojo Crítico” de Música Clásica da Corporación Nacional de Radiodifusión Española (RNE), e recentemente en 2019, recibiu o Premio de Cultura da Comunidade de Madrid en Música Clásica; é a primeira vez que ambos os dous premios se lle outorgan a unha violista.
     
    François Dumont (piano) é gañador dos máis prestixiosos premios internacionais: o concurso Chopin, o concurso Raíña Elisabeth, o concurso Clara Haskil e o concurso de Montecarlo. Foi nomeado para un Grammy na categoría ‘solo instrumental’ e recibe o premio dos “Críticos da Música” como Revelación Francesa.
     
    Actuou coa Orquestra Nacional de Lión e Leonard Slatkin (con quen gravou os dous concertos de Ravel), coa Orquestra de Cleveland, a Orquestra do Teatro Mariinsky, a Orquestra Filharmónica de Montecarlo, a Orquestra Filharmónica de Varsovia, a Sinfónica de Toquio, a Orquestra de Cámara de Lausana con directores como Jesús López -Cobos, Antoni Wit, Arie van Beek, Philippe Bender e Stefan Sanderling, entre outros.
     
    François Dumont ofreceu recitais no Festival de La Roque d’Anthéron, o Festival Piano aux Jacobins de Toulouse, o Festival Chopin en Nohant, Festival de Radio France Montpellier, Festival de Besançon, Festival Chopin en Bagatelle, Nuits du Suquet en Cannes, Festival de Varsovia, Ravel Montfort l’Amaury, Festival de Ljubljana en Eslovenia, Kennedy Center de Washington. Tamén é invitado regularmente a China e Xapón.
     
    PROGRAMA
     
    I Parte
    Ludwing van Beethoven (1782-1827) | Sonata en La maior, Op. 69 n.º 3 para cello e piano (versión viola) [26’]
    Allegro | Scherzo: Allegro molto | Adagio cantabile – Allegro vivace

    II Parte
    Mijaíl Glinka (1804-1857) | Sonata en La menor para viola e piano [17’]
    Allegro moderato
    Serguéil Prokókiev (1891-1953) | Cinco pezas do ballet “Romeu e Xulieta” (arr. Borissovsky) [26’]
    Allegro moderato | Introdución | A moza Xulieta | Danza dos cabaleiros | Morte de Xulieta | Mercutio
     
    Ourense, 31 de xaneiro de 2020.-
     
     
     
     
    O Entroido 2020 xa está en marcha na cidade coa convocatoria do Concurso de Comparsas e da Elección do Rei-Raíña, cuxas bases publica a Concellería de Cultura no seu espazo web e que están abertas a asociacións de veciñas e veciños, culturais ou xuvenís, grupos, colexios, etc. Repartiranse 18.000 euros en premios entre os participantes no desfile, que terá lugar o vindeiro domingo, 23 de febreiro. Para o Rei-Raíña do Entroido, un xurado valorará a orixinalidade, a chispa diante do público, o vestiario e a creatividade.
     
    Os premios por categorías serán os seguintes:
     
    Rei - Raíña 600 €
     
    Comparsas con máis de 10 compoñentes.-
    1º premio 900 €
    2º premio 700 €
    3º premio 500 €
     
    Comparsas con menos de 10 compoñentes.-
    1º premio 400 €
    2º premio 300 €
    3º premio 200 €
     
    Especiais Comparsas.-
    A máis numerosa 300 €
    A máis ocorrente ou graciosa 300 €
    Mellor animación / musical 300 €
     
    Carrozas.-
    Mellor deseño 300 €
    Mellor animación 300 €
     
    A Concellería de Cultura tamén prevé axudas para todos os participantes que completen o desfile e non acaden ningún premio. As carrozas recibirán 120 € cada unha pola súa participación; as comparsas de 5 a 9 compoñentes 60 €, de 10 a 19 compoñentes 90 €, de 20 a 29 compoñentes 120 €, de 30 a 39 compoñentes 150 €, de 40 a 49 compoñentes 180 €, de 50 compoñentes en adiante 210 €. 
     
    As inscricións das carrozas e/ou comparsas faranse a través do Rexistro Xeral do Concello e mediante os modelos de inscrición oficiais. No caso de Asociacións ou Entidades a inscrición farase a través de Sede Electrónica.
     
    O prazo de inscricións de carrozas e comparsas, así como para participar no concurso de Rei - Raíña remata o martes 18 de febreiro ás 14:00 horas.
     
     
    Ourense, xaneiro de 2019.-
     
    O artista Moncho Borrajo (Baños de Molgas, 1949) será o encargado de abrir as festas do Entroido na cidade. Será desde a Praza Maior o vindeiro sábado, 22 de febreiro, ás 20:30 horas, e introducirá o primeiro dos concertos gratuítos das festas, a cargo da orquestra Los Satélites -desde as 21:30 horas-. O de Moncho Borrajo será un pregón diferente: terá moito de actuación teatral impregnada de moito sentido do humor.
     
    A última vez que puidemos ver o artista ourensán na cidade foi o pasado mes de outubro, co seu espectáculo A pelo no Auditorio municipal.

    Información relacionada #Entroido2020: Concurso de comparsas e Rei/ Raíña.
     
     
    Ourense, xaneiro de 2020
     
    A compañía Aracaladanza, Premio Nacional de Teatro para a Infancia 2010, presentará este domingo, 2 de febreiro, ás 19.00h no Auditorio a súa última produción, para nenos e nenas a partir de 4 anos: PLAY.
     
    A compañía que dirixe Enrique Cabrera, comparte co público desde hai 24 anos un universo fascinante, desde a mirada de quen, a través da imaxinación e da danza, está convencido de que a maxia transforma de maneira máxica a realidade. Gañadora de premios tan prestixiosos como os Max ou os da feira de teatro infantil Fetén, destaca pola súa inusual maneira de traballar, proxectando novas visións escénicas da imaxinación e creando exquisitos espectáculos dirixidos ao público infantil e adolescente. Leva a escena historias sinxelas que a través do vestiario, a música, a luz, o ritmo e o movemento tamén saben involucrar o espectador adulto nun mundo fantástico que busca repetirse nos soños. 
     
    PLAY significa un novo e fresco punto e aparte na historia da compañía, é levada a escena por cinco bailaríns que traballaron xunto a Enrique Cabrera, director e alma impulsora de Aracaladanza, para construír un traballo baseado no xogo.
     
    Sinopse- Non! Non se abre o pano ao comezar!. Antes hai que construír o escenario. E enchelo de coxíns. E colocar ao bailarín. E iluminalo todo. Entón e só entón, o escenario cobra vida, suspendido.
    Para xogar á pita cega, ou para entrecruzar gomas e participar nun antigo videoxogo. Para saltar sobre o sofá, ou descubrir cisnes procurando o seu lago. Para seguir cans bailaríns que escoitan gatos ou encher a cabeza de aire. Para provocar fogos de artificio ou danzar todos xuntos. 
    PLAY é unha festa sen respiro que contaxia ledicia, alenta o sorriso e comparte diversión. E o pano, está vez, tampouco se baixa. Porque a festa continúa despois....
     
    Toda a información en www.aracaladanza.com
     
    As entradas, desde 8 euros, pódense adquirir en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e no despacho 
     
     
    Ourense, 13 de xaneiro de 2020.-
     
    Se ben a axenda cultural municipal comeza este mércores 15 ás 20:00h, co concerto do Brentano Quartet no Teatro Principal dentro do ciclo Enclave de Cámara, o Auditorio celebra unha intensa fin de semana con até catro funcións repartidas entre Fariña e Metallica.
     
    Fariña, o espectáculo teatral
    Auditorio Municipal. Venres 17 de xaneiro ás 20:30h, e sábado 18 de xaneiro ás 18:00h e ás 20:30h. Entradas en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio 2 horas antes.
     
    Nacho Carretero e Xosé A. Touriñán levan ao teatro Fariña, unha adaptación da exitosa obra de Carretero sobre a historia do narcotráfico en Galicia nas últimas décadas do pasado século. Dirixida por Tito Asorey, conta no seu elenco con Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias, ademais do propio Touriñán. 
     
    Unha obra que non lle permite ao espectador nin acomodarse na butaca. A unha impoñente descarga suceden conversas entre rapaces e veciños das vilas falando, mercando, consumindo e manexando con soltura o famoso Winston de batea. Todo cabe sobre un escenario que recolle un percorrido fiel por este escuro capítulo da historia de Galicia desde un punto de vista único. Unha viaxe no tempo desde unha óptica próxima, real e familiar.
     
    Concerto Family Session, descubrindo a Metallica
    Auditorio Municipal. Domingo 19 ás 12:00 horas. Entradas en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio 2 horas antes.
     
    Metalmania é o máis veterano tributo a Metallica da península, co privilexio de ser, ademais, a única banda no país recoñecida polos mesmos artistas aos que homenaxea. Xurdidos en 2001, cando o concepto “tributo” apenas se coñecía no noso país, atesouran xa case 20 anos de experiencia sobre os escenarios cos seus máis de 600 concertos ao longo de toda a península, desde salas e recintos pechados a festivais coma o Viña-Rock, Extremusika ou EnVivo. 
     
    Pero alén do “tributo”, é unha banda enfocada ao directo cun espectáculo de dúas horas de duración e unha grande posta en escena: proxeccións en vídeo sincronizadas, escenografía e atrezzo de escenario, globos, confeti...
     
    Exposicións. Até o 16 de febreiro...
    Sala Valente: Retrospectiva, de Carmucha Vázquez Prats.
    Museo Municipal: Fragmentos de existencia, de Francisco Ramos.
    Museo Municipal: Inquietudes, de Fernando Prieto.
     
    Ourense, 12 de xaneiro de 2020.-
     
    O Enclave de Cámara presenta, este mércores 15 desde as 20.00 horas no Teatro Principal, o prestixioso cuarteto de corda Brentano Quartet. Formado por Mark Steinberg, Serena Canin (violíns), Misha Amory (viola) e Nina Lee (violonchelo), é a formación residente na Yale School of Music, onde sucederon o Cuarteto de Corda de Toquio.
     
    Ademais de en Estados Unidos, onde residen, actúan en diferentes escenarios de Europa, Canadá, Xapón e Australia. O seu  eclecticismo e desexo de ir máis aló das fronteiras dos clásicos repertorios de cuarteto de corda levounos a interpretar tanto renacentistas como primitivas pezas de música, madrigais de Monteverdi e Gesualdo, fantasías de Purcell e traballos seculares de Josquin des Prós. No campo contemporáneo, Brentano colabora regularmente con compositores coetáneos como Elliot Carter e György Kurtág, e interpreta traballos por encargo de Milton Babbitt, Chou Wen-Chung, Charles Wuorinen, Bruce Adolphe, Steven Mackey e Jonathan Dawe. Entre os acompañantes do Brentano estiveron Joyce di Donato, Vijay Iyer, Ignat Solzhenitsyn e Jonathan Biss.
     
    Este cuarteto actuou, desde 2009, no Salón de Columnas do Palacio Real de Madrid, tendo a honra de tocar cos instrumentos da Colección Palatina de Stradivarius. Tamén participou en ciclos como Ibermúsica no Auditorio Nacional de Madrid, Palau de la Música de València, Sociedade Filharmónica de Bilbao, Auditorio de Barcelona, Auditorio de Tenerife, Auditorio Víctor Villegas de Murcia, a Sociedade de Concertos Alacant ou, con anterioridade, no propio Enclave de Cámara de Ourense.
     
    Programa
    Blossoming Variations / Variacións florecentes
     
    I Parte
    Wolfang Amadeus Mozart (1756-1791) | Cuarteto en La maior n.º 18, K464 [37’]
    Allegro | Menuetto e trio | Andante | Allegro ma non troppo
    Ludwing van Beethoven (1782-1827) | Cuarteto en La maior, Op. 18 n.º 5 [28’]
    Allegro | Menuetto | Andante cantabile | Allegro
     
    II Parte
    Ludwing van Beethoven (1782-1827) | Cuarteto en Mi bemol maior, Op. 127 [38’]
    Maestoso- allegro | Adagio, ma non troppo e molto cantabile | Scherzando vivace | Allegro
     
    Máis información na páxina do enclave de cámara.
     
    Páxinas: Primeiro ... 3 4 5 6 7 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica