CONTACTO

  • Prem lit
  • yout
  • Audi
  • I. Tascón
  • MMOu
  • Volver

    Ourense, 24 de outubro de 2019
     
    O Concello de Oruense aposta polas festividades do Samaín e Magosto 2019, ampliando a súa programación de actividades co obxectivo de potenciar estas festas, animar á cidadanía a participar nelas e converter Ourense nun referente de actividade cultural e lúdica. O Magosto, festa representativa da cidade estenderase desde o día 8 ao 11 de novembro cunha vintena de actividades entre as que salienta os concertos dunha escolma dos mellores grupos galegos, como Brañas Folk, Susane Seivane, Leilía ou Os de Abaixo, ou o Espazo Galaico que estará en Bispo Cesáreo, xunto coa tradicional magosto popular, as actividades de animación de rúa e as dirixidas ao público infantil. 
     
    O Espazo Galaico é unha das principais novidades da programación. En Bispo Cesáreo as persoas que se acheguen poderán participar en visitas guiadas ao Laboratorio do tempo, presenciar recreacións da vida nun castro celta, exhibicións de esgrima, retratarse no photocall con vestimentas e armas da época galaica, ou participar en obradoiros de amuletos, bonecos, instrumentos musicais ou banda deseñada. A festa terá un gran protagonismo da gastronomía, xa que coincidirá co concurso de pinchos Sabores de Ourense, locais de hostalería elaborarán menús especiais e as denominacións de orixe da provincia organizarán diferentes actividades e catas dos seus viños.
     
    No caso do Samaín, a programación aposta por darlles continuidade ás actividades dirixidas á rapazada, que durante os últimos anos veñen acadado unha grande participación e incorpora novas propostas para persoas de todas as idades, coa cita destacada dos Desfiles da Santa Compaña, con diferentes rutas que percorrerán as rúas da cidade até rematar na Praza Maior, onde se desenvolverá o espectáculo de música, pirotecnia e efectos visuais “Les  Tambours   de   Feu” (“ Os tambores  de  fogo”, a cargo da compañía vasca  Deabru  Beltzak.
     
    PROGRAMACIÓN DOS MAGOSTOS 2019
     
    Venres, 8 de Novembro
    De 18 a 19.30 h Animación de rúa Grupo de gaitas da AOFT e desfile de cabezudos
    20,00 h Concerto BRAÑAS FOLK na Praza Maior                                                                                       
     
    Sábado, 9 de Novembro
    De 11 a 13,30 h e de 16,30 a 20h ESPAZO GALAICO, en Bispo Cesáreo
    12,00 h Animación de rúa EQUIPO B (Charanga tradicional)
    13,00 h Animación de rúa BANDA DE GAITAS DA CARBALLEIRA
    18,00 h Animación de rúa TÍRALLE DO AIRE 
    20,00 h Concerto de SUSANA SEIVANE, na Praza Maior
     
    Domingo, 10 de Novembro
    De 11 a 13,30 h e de 16,30 h a 20h ESPAZO GALAICO, en Bispo Cesáreo
    12,00 h. Animación de rúa BANDA DE GAITAS DA DIPUTACIÓN DE OURENSE. Saída desde a rúa do Paseo (Parque de San Lázaro)
    13,00 h. Animación de rúa OS DANIÑAS 
    20,00 h. Concerto de LEILÍA, na Praza Maior
    20,30 h. Concerto A CAPELA MADRIGALISTA na catedral
     
    Luns, 11 de Novembro 
    De 11 a 13,30 h e de 16,30 h a 20,00 h ESPAZO GALAICO, en  Bispo Cesáreo
    12,00 h Espectáculo infantil AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, na Praza Maior
    13,00 h Animación de rúa, co grupo de gaitas da AOFT 
    17,00 h Magosto tradicional coa animación musical  D´OS DANIÑAS, no Parque Barbaña, con 1.000 de castañas e 3.000 chourizos, e menús a 1 euro. 
    18,00 h. Animación de rúa TÍRALLE DO AIRE
    20,00 h. Concerto de OS DE ABAIXO, na Praza Maior
     
    PROGRAMACIÓN SAMAÍN 2019
    PROGRAMACIÓN DE TARDE
    17.00 Taller de Baleirado de cabazas, con monitores e monitoras que axudaranlle á cativada a elaborar as súas cabazas, na Praza Saco e Arce. O reparto de cabazas comezá a esa mesma hora, na asociación de veciños da cidade vella ubicada na rúa Liberdade. Daranse 800 cabazas e outras tantas candeas, unha para cada neno ou nena. 
    17.00 Microteatro, pequena representación teatral interactiva, onde se lle dará a coñecer á rapazada a orixe do Samaín. Serán 3 pases de 15 minutos na Praza da Imprenta 
    17.00 Obradoiro:  “Os bosques dos petrogriflos”, na Praza da Imprenta. Zona acoutada onde de maneira libre haberá xogos de puntería, lóxica e de construcións... onde os materiais utilizados son elementos  da natureza propios da festividade do Samaín (landras, troncos, pedras, cabazas, madeira)
    17.00 Obradoiro:  “Os artesáns do castro”, na Praza da Imprenta. Espazo onde nenos e nenas deseñarán os seus amuletos para pasar unha boa noite de Samaín co consello e guía dos mestres artesáns.
    17.00 Obradoiro de maquillaxe e feridas na Praza Manuel Sueiro
    17.00 Obradoiro de elaboración de chapas, na Praza Manuel Sueiro
    19.00 Desfile de Cabazas Percorrido: praza da Imprenta, rúa Colón , Bispo Carrascosa e Praza Maior.. Rematará con baile e festa na Praza Maior con Uxía Lambona e a Banda Molona!!!
     
    Á NOITE
    22.00 a 01.00 h Animación de rúas con Aperta e Trópico de Grelos
    23.30 h Desfile da Santa compaña. Saídas desde a rúa do Paseo, rúa Santo Domingo, Praza de San Cosme, Praza das Mercedes, Padre Feijoo, Praza de Saco e Arce, Praza do Correxedor e a Carballeira.
    01.00 h Actuación do grupo Deabru Beltzak co espectáculo “Les Tambours de Feu”, na Praza Maior
     
     
    Ourense, 23 de outubro de 2019
     
    Un deseño do artista Christian Randolfe Amorín, natural e residente da cidade, será o cartel das Festas do Magosto de Ourense 20019, unha gfesta de interese turístico. O xurado do concurso convocado polo Concello elixiu o traballo do ourensán, que representa unha lapa en cores sólidas vermella e amarela sobre fondo negro, polo seu deseño naïf ao tempo que rechamante. Un cartel directo e moi eficaz que identifica perfectamente a festa a través dun dos seus elementos máis representativos: o lume que acendemos para asar as castañas. 
     
    Christian Randolfe, de 23 anos, recibirá un premio de 800 euros como gañador do concurso. A súa creatividade será a imaxe dunha festa tradicional e representativa da cidade, que o Concello de Ourense quere potenciar decididamente desde este ano, estendendo a varios días a súa celebración e dotándoa dun amplo programa de actividades participativas, a maiores do habitual Magosto popular. 
     
    A programación completa das festas dos Magostos e do Samaín 2019 será presentada mañá, xoves, polo concelleiro de Cultura, Mario González, e técnicos desta área municipal.
     
    Ourense, 22 de outubro de 2019
     
    Un deseño da artista Anabella Labrador Sansalone, natural de Bos Aires e residente na cidade, será o cartel das Festas do Samaín de Ourense 2019. A ilustración reproduce un desfile de persoas que avanzan en procesión pola Praza Maior da cidade, portando unha vela acendida. A creatividade desta deseñadora gráfica e ilustradora está debuxada en branco e negro, resaltando con cor vermella o nome da celebración, o que lle confire unha grande eficacia á transmisión da mensaxe, destacando tamén con cor os ollos dos protagonistas, a vela, o seu lume e as luces dos edificios. A gañadora do concurso recibirá un premio de 600 euros.
     
    O xurado valorou a orixinalidade na interpretación artística, sen perder en ningún momento a alusión ao Samaín e á Santa Compaña, que este ano terá un grande protagonismo. É unha composición que invita a poboación a participar na celebración desta festa pondo en valor de éxito especial a cidade. A utilización de cores frías dende un plano monocromo potencian a forza dos tons quentes provocando curiosidade no espectador. O cartel compre coa súa finalidade de comunicarnos a mensaxe cunha mirada espontánea.
     
    A ilustración centra a atención do público nun elemento, o desfile, que o Concello quere potenciar nesta edición. Se tradicionalmente a programación do Samaín estaba dirixida á rapazada, cos obradoiros de cabazas e desfile vespertino pola zona vella, este ano incorpórase ao programa unha cita pensada xa para persoas adultas: a procesión da Santa Compaña, que servirá de colofón as actividades do día 31 de outubro. A proposta consiste na realización de distintas procesións que xurdirán desde varios puntos da cidade, percorrerán as rúas coas luces apagadas e finalmente confluirán nunha gran festa que rematará na Praza Maior.
     
    Mobilización. Desde a Concellería de Cultura convídase aos grupos que o desexen a vestirse e sumarse ás procesións, recreando libremente o que para elas representa a Santa Compaña. Para inscribirse, débese enviar un correo electrónico á Concellería de Cultura (cultura@ourense.es), especificando o nome da persoa responsable, o número de participantes e o contacto telefónico, até o luns 28 de outubro ás 14 horas.
     
    Ourense, 18 de outubro de 2019.-
     
    A Concellería de Cultura, na súa tradicional cita co teatro infantil dos domingos no Auditorio, estrea 'Todas as marabillas do mundo', unha montaxe da compañía ourensá -do Ribeiro- Producións Dispersas dirixida a un público familiar e na que conviven, sobre o escenario, actores, monicreques e música en directo.
     
    'Todas as marabillas do mundo' preséntanos unha personaxe fascinada pola beleza do mundo e as súas marabillas. Unha personaxe que desexa, máis que nada, coñecer e gozar de todas as cousas fermosas que o noso planeta nos regala. Pero esa fascinación na súa ollada apagarase pronto cando descobre que as marabillas son tantas e o mundo é tan grande que non tería nin o tempo nin os cartiños para poder gozar de toda esa fermosura. 
    O espectáculo fala tamén da tremenda frustración do seu protagonista, que deberá aprender a poñer en orde todas as emocións no seu interior porque, ás veces, non comprende como levarse ben con todo o que vive na súa cabeza. 
     
    O sentido común, o aburrimento, a vergoña, a alegría, a tristeza, a ira, a paz interior, entre outras emocións, serán así mesmo personaxes dun espectáculo que estará guiado pola música en directo.
     
    Elenco. Sobre o escenario, interpretando os papeis protagonistas, estarán os actores ourensáns Diego Freire e Bea Bravo. A música en directo será interpretada por Salomé Garrido (teclados e dirección), Raquel Huete (tuba), Jorge Justo (trompeta) e Sandra Pérez (percusión). As voces en off son de Ana Ponte e de Bea Bravo, mentres a escenografía e os monicreques corren a cargo de Daniel Díaz.
     
    Hora 12.00 h. Sala Principal. Público: + 3 anos. Duración: 50 min. 
     
    Prezo 3 €. Entradas www.ataquilla.com, Sala de Exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
     
     
    17 Outubro 2019
     
    O Concello de Ourense convoca as subvencións destinadas á realización de programas, proxectos ou actividades culturais e recreativas considerados de interese público promovidos por asociacións ou entidades sen fin de lucro; así como as Festas patronais, romarías e outras celebracións de carácter tradicional ou senlleiro promovidos por asociacións de veciños e comisións de festas. Desde o venres, 18 de outubro até o venres, 8 de novembro, as entidades ou asociacións poderán presentar as súas solicitudes.
     
    A contía das subvencións estará en función do custo dos programas ou actividades e dos recursos cos que conte para cubrir estes parcialmente. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que supere o 75% do orzamento do proxecto. Este límite operará tanto no momento de outorgar a subvención como no exame da conta xustificativa que debe presentar o beneficiario da subvención para acreditar o emprego da subvención concedida.
     
    As solicitudes presentaranse a través da Sede electrónica municipal.
     
    O extracto da convocatoria pódese consultar no Boletín Oficial da Provincia de Ourense do día 17 de outubro, e toda a documentación relativa a esta convocatoria está dispoñible na páxina web do Concello de Ourense.
     
    Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Ourense, na Rúa da Canle 2, teléfono 988391290.
     
    Ourense, 8 de outubro de 2019
     
    O concelleiro de Cultura, Mario González e o promotor do ciclo Carlos Carbonell presentaron esta mañá a sétima edición de Enclave de Cámara de Ourense, que comezará este xoves, 10 de outubro, as 20h no Teatro Principal, coa actuación do cuarteto de cordas e piano formado por Talich e Noelia Rodiles (Chequia e España). O ciclo trata de achegar a música culta a toda a cidadanía, con 8 concertos que se sucederán desde outubro até xuño de 2020, mantendo a súa programación o primeiro xoves de cada mes ás 20h. 
     
    En cada un dos concertos, un grupo ou artista de recoñecido prestixio aboradará un repertorio que nos levará pola historia máis significativa da música, desde Haydn até o máis contemporáneo, personificado no compositor de Ponteareas, Xabier Mariño, ao que o Enclave encargoulle unha obra para esta temporada que será estreada polo sexteto Airas Ensemble en abril. 
     
    O Enclave de Cámara aposta por ofrecer a maior variedade de propostas posibles, desde dúos a tríos clásicos e con piano, non esquecendo o cuarteto de cordas clásico. Ademais do Teatro Principal, tamén acollerán concertos o Liceo (2) e o Auditorio Municipal, que será escenario do último, a cargo da Real Filharmonía de Galicia). O concelleiro de Cultura animou á cidadanía a acudir a estes concertos, destacandpo que “é un luxo” contar con formacións e artistas do nivel dos incluídos no programa.
     
    PROGRAMA DO ENCLAVE DE CÁMARA 
    ANO 2019
     
    XOVES 10 OUTUBRO | CUARTETO TALICH E NOELIA RODILES (cuarteto e piano) – Teatro Principal 
     
    XOVES 7 NOVEMBRO | SIMPLY CUARTET –Gañador do Concurso de Cuartetos de Bordeos 2019  - Liceo 
     
    XOVES 12 DECEMBRO | DMYTRO CHONI (piano) – Gañador do Concurso Internacional de Piano de Santander - Teatro Principal 
     
    ANO 2020
     
    MÉRCORES 15 XANEIRO | CUARTETO BRENTANO - Teatro Principal
     
    XOVES 6 FEBREIRO | ISABEL VILLANUEVA e FRANÇOIS DUMONT (viola e piano) - Liceo 
     
    MÉRCORES 1 ABRIL | AIRES ENSEMBLE (Sexteto) - Teatro Principal
     
    XOVES 7 MAIO | DÚO DEL VALLE (dous pianos) - Teatro Principal
     
    XOVES 4 XUÑO | REAL FILHARMONÍA DE GALICIA  - Auditorio Municipal 
     
    Comezo con Talich e Noelia Rodiles
    No primeiro dos concertos, pasado mañá, xoves, regresa ao Enclave de Cámara Noelia Rodiles, que estivera na III tempada co Trío Lorca e volta agora consolidando a súa traxectoria acompañada do Cuarteto Talich.
     
    Considerado durante moitos anos como un dos mellores cuartetos de corda do mundo, é famoso por representar a Música Checa por Europa, América e Oriente, e con gravación das obras completas de Mozart, Beethoven recibindo numerosos premios internacionais. O Cuarteto Talich foi fundado en 1964 por Jan Talich. Actualmente ten un amplo repertorio que inclúe desde os clásicos tradicionais ate Berg, Schoenberg, Bartok e Schostakovich do s. XX.
     
    Noelia Rodiles formouse nos conservatorios de Avilés, Madrid e Berlín na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid con Dimitri Bashkirov e Claudio Martínez Mehner. Obtivo o premio á "alumna máis sobresaliente" nas cátedras de piano e música de cámara. A súa traxectoria inclúe concertos nas principais salas de España así como presentacións en Alemaña, Italia, México, Francia, Polonia, Tunisia, Bolivia e Xordania. A súa calidade musical foi recoñecida en concursos nacionais e internacionais de piano. O seu primeiro traballo discográfico obtivo o recoñecemento de "Excepcional do mes" da revista Scherzo.
     
     
    Ourense, 3 de outubro de 2019
     
    O concelleiro de Cultura, Mario González, e o técnico Manuel Freire presentaron a programación de actividades que acollerá o Auditorio Municipal de Ourense durante o último trimestre do presente ano. Tras ser escenario en setembro de presentacións destacadas como a estrea da última montaxe de Sarabela: “Crónicas do Paraíso”, o Auditorio acollerá de outubro a decembro unha trintena espectáculos que porán á disposición do público da cidade unha ampla variedade de modalidades escénicas. Entre elas, o teatro, coa estrea das obras “Todas as marabillas do mundo”, de Producións Dispersas – o 20 de outubro -, e  “O meu mundo non é deste reino”, de Teatro da Ramboia – o 7 de novembro -. Tamén cabe subliñar as obras “Non hai papel”, de Desafora2, con Ángeles Martín -o 7 de novembro” ou “24 horas na vida dunha muller”, con Silvia Marsó – o 16 de novembro- .
     
    Na danza destacan a actuación de Sara Baras – o 7 de decembro -, o certame de danza contemporánea Solodos – o 20 de novembro -, ou o Ballet Nacional Ruso con O Quebranoces – o 11 de decembro -, e A Bela Dormente – o 12 de decembro -.
     
    Ademais, nos tributos musicais hai que subliñar a Michael Jackson – o 9 de novembro -, ou Mecano – o 10 de novembro -; e no humor a Moncho Borrajo -venres, 11- Luis Zahera  e Osvaldo Digón– o 2 de novembro -, ou Goyo Jiménez – o 15 de novembro -. 
     
    Son algunhas das propostas, que se suman á programación estable dirixida ás familias que o Auditorio acolle cada domingo. A programación desenvólvese coa colaboración da Agadic.
     
     
    Ourense, 3 de outubro de 2019
     
    O Museo Municipal inaugurará mañá, venres, 4 de outubro, ás 19:30 horas a exposición “Fragmentos de existencia”, do artista ourensán Francisco Ramos, que estará aberta ao público até final de ano na sala III do Museo da rúa Lepanto. A mostra consta dun total de 20 acuarelas de formato medio-grande e un óleo sobre táboa. 
     
    Francisco Ramos, natural de Morgade (comarca da Limia) é un artista que sente a textura acuosa da acuarela a través das cores de diversa natureza, integrando de forma diferente e atrevida tons fríos e cálidos, facendo xurdir dunha captura previa do natural unha abstracción paisaxística. 
     
    O Museo Municipal acolle tamén ata final de ano, nas salas I e II a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés. Esta mostra inaugurarase hoxe ás 20.30h.

     (Tríptico da exposición)
     
     
    Páxinas: Primeiro ... 4 5 6 7 8 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica