CONTACTO

  • Prem lit
  • yout
  • Audi
  • I. Tascón
  • MMOu
  • Volver

    Ourense, 2 de outubro de 2019

    O Museo Municipal acollerá desde mañá, xoves, 3 de outubro a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto. A mostra, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés, inaugurarase mañá, ás 20.30 horas, e permanecerá aberta ao público até final de ano nas salas I e II do Museo da rúa Lepanto. 
     
    Fernando Prieto é un artista hiperrealista dunha grande calidade pictórica. Desde moi cativo manifestou a súa inclinación cara ao debuxo e a pintura, participando á idade de 13 anos na súa primeira exposición, nunha sala do Concello de Ferrol. Realizou os estudos de perito mercantil, sen abandonar nunca a súa gran paixón, a pintura. 
     
    Aurelio  Lombera concedeulle unha bolsa na súa academia de Pintura onde, durante cinco anos, compartiu clases con Rogelio Puente e outros destacados pintores coruñeses. Posteriormente, asistiu outros cinco anos ao estudo de Vidal  Lombán, pintor ourensán afincado na Coruña.
     
    A súa pintura é realista, pero máis aló da mera diversión plástica, a súa intención é trasladar o espectador desde os obxectos e as figuras humanas a outra profundidade. As mans, os zapatos vellos, as froitas, as pezas de vestir..., represéntanse de forma  hiperrealista, mais perden o seu significado real para alcanzar a magnitude sensorial. Detrás do  Hiperrealismo Subxectivo que define Prieto, existe un certo surrealismo, que se apoia en imaxes-símbolo que transcende a aparencia dos obxectos para transportarnos a un mundo  onírico e poético, elixindo unha vía de traballo semellante á proposta por Magritte.
     
    A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, tanto en España como en Estados Unidos. 

     (Tríptico da exposición)
     
    Ourense, setembro de 2019
     
    A Concellería de Cultura do Concello de Ourense reforzará este ano a programación da actividades do Samaín, incorporando como novidade a organización da Noite da Santa Compaña, que servirá de colofón as actividades do día 31 de outubro. A proposta consiste na realización de distintas procesións que xurdirán desde varios puntos da cidade, percorrerán as rúas coas luces apagadas e finalmente confluirán nunha gran festa que rematará na Praza Maior.
     
    Desde a Concellería de Cultura convídase aos grupos que o desexen a vestirse e sumarse ás procesións, recreando libremente o que para elas representa a Santa Compaña. Proximamente anunciaranse os percorridos e a programación concreta.
     
    Para inscribirse, débese enviar un correo electrónico á Concellería de Cultura (cultura@ourense.es), especificando o nome da persoa responsable, o número de participantes e o contacto (teléfono). 
     
    A tradición da Santa Compaña 
     
    A Santa Compaña é na mitoloxía galega unha procesión de ánimas anunciadora da morte. Segundo a lenda, estas hostes percorrían as rúas dos lugares para advertir a aquelas casas onde habería unha defunción. Esta historia popular está profundamente arraigada na tradición cultural galega. Agora desde a Concellería de Cultura preténdese recrear cunha grande participación da xente para potenciar esta data tan significativa. 
     
    Carteis Samaín e Magostos
     
    Ademais, a Concellería lembra que ata o día 10 de outubro está aberto o prazo para presentar traballos ao concurso para a elección dos carteis anunciadores das festas do Samaín e os Magostos.
     
    Ourense, 19 de setembro de 2019
     
    A compañía ourensá Sarabela Teatro estreará esta fin de semana no Auditorio a súa nova montaxe: Crónicas do Paraíso, con dúas sesións, o sábado 21, ás 21:00h e domingo 22 ás 20:00h. Esta mañá tivo lugar a presentación do espectáculo, na que participaron Mario González, concelleiro de Cultura, Sandra Quintas, xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Ourense, Gonçalo Guerreiro, director do espectáculo e Fernando Dacosta, responsable do texto.
     
    Crónicas do paraíso é unha versión libre de As Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. A trama orixinal de Cunqueiro sirve para dar forma a unha nova estructura narrativa habitada polo universo do crime. Manténse a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo. 
     
    Un grupo de 5 personaxes interpretados por tres actrices e dous actores viaxa cara ao funeral do fidalgo de Quelven. Durante aproximadamente unha noite e un día, o tempo que dura a acción, confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia.
     
    A obra estrearase na cidade de Ourense e logo iniciará unha xira que a levará por diferentes cidades. As entradas, desde 5 euros, pódense adquirir na páxina web www.ataquilla.com, na sala de Exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función. 
     
    Ourense, 16 de setembro de 2019
     
    O Concello de Ourense ten decidido recuperar a Semana Sacra na cidade, logo de catorce anos de parón, co que se poñerá en marcha a súa vinte e catro edición. Sobre está cuestión, o alcalde, Gonzalo Jácome, destaca que o Certame de Música Sacra, que se celebra anualmente uns días antes da Semana Santa, con bastante éxito na cidade, substitúe ao que considera “o dispendio” do Pórtico do Paraíso. Ademais de que será o propio Concello, a través da Concellería de Cultura, quen asuma organización do evento, evitando desa forma intermediarios, cos correspondentes custos que tiña para as arcas municipais. Será a partir do próximo ano, e o obxectivo do Concello é fortalecer a programación, reducir custes, e manter a filosofía do certame, coa posibilidade de incorporar tamén a música de cámara.
     
     
    Ourense, 14 de setembro de 2019.
     
    A Concellería de Cultura abre o prazo de presentación dos carteis anunciadores para as festividades de Samaín - Festa de Todos os Santos, 31 de outubro -, e a dos Magostos – 11 de novembro -. Poderá concursar toda persoa física ou xurídica, excepto as persoas gañadoras da anterior edición no caso de que aceptaren formar parte do xurado. O premio do concurso para o deseño do cartel dos Magostos estará dotado con 800 €, e o de Samaín con 600 €. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto até a segunda semana de outubro.
     
    Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Samaín 2019” e “Concurso carteis Magosto 2019”, acompañados dunha declaración de responsabilidade da súa autoría e do seu carácter inédito, e debaixo un pseudónimo ou lema, así coma cos datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirán os sobres das obras que resulten seleccionadas. O xurado valorará o conxunto de debuxos presentados tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. A decisión do xurado será inapelable.
     
    Os deseños presentados quedarán en poder do Concello de Ourense, mentres que os deseños gañadores serán empregados como imaxe das festividades de Samaín e dos Magostos. Os restantes poderán ser recollidos nos 30 días seguintes á finalización do concurso. 
     
    Samaín 2019. O Samaín deste 2019 inclúe, como novidade, a noite da Santa Compaña. Esta actividade consistirá en desfiles desde distintos puntos da cidade que pasarán polas rúas da zona vella -coas luces apagadas- e con remate na Praza Maior. As procesións da Santa Compaña estarán compostas de diversas animacións escénicas. Ata o ano pasado, as actividades de Samaín remataban coa procesión das cabazas polas rúas da zona histórica. Un desfile para a cativada como colofón á unha tarde de xogos. Agora, esta programación amplíase a todos os públicos, e céntrase en revivir unha das tradicións máis ancestrais galegas. 
     
     
    Ourense, agosto de 2019.-
     
    O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Cultura, Mario González, anunciaron esta mañá as novidades máis destacadas que incorporará a programación cultural do Concello de Ourense. O goberno municipal aposta por potenciar a celebración do Samaín, que incorporará unha Noite da Santa Compaña, o San Martiño, que durará 4 días (8, 9, 10 e 11 de novembro) con carpas e actividades na Praza Maior e As Burgas -onde se instalará unha 'Viaxe ao mundo celta'- e un Magosto infantil, ou o Nadal, con escenas de belén a tamaño natural. 
     
    O Concello mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente “iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno”. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa, confiando no traballo do equipo da Concellería de Cultura.
     
    Entre as novidades, Jácome e González anunciaron a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.
     
    "Queremos dar un novo enfoque e impulso para revitalizar certos eventos e festas populares e darlle un enfoque distinto ao desenvolvemento de certos eventos culturais que custan moitos miles de euros e teñen un retorno pequeno”, asegurou o alcalde de Ourense, quen asegurou que tras analizar os datos de custes e público asistente algúns casos, o custe por espectador “é maior que os espectáculos de Broadway”. O alcalde expresou a súa aposta pola programación propia do Concello, tras comprobar que eventos que produce e contrata directamente saen moito máis económicos.
     
    Novidades da programación cultural e festiva
    O Samaín. Manterase a programación que se viña realizando, basicamente orientada a colexios e nenos e incorpora un novo apartado para adultos: A Noite da Santa Compaña, unha procesión que percorrerá as rúas da cidade, con diferentes grupos que sairán desde diferentes puntos para confluír na Praza Maior.

    San Martiño. Daráselle un impulso a esta festa, que é a que máis identifica á cidade. Estenderase durante 4 días: do 8 ao 11 de novembro. Instalarase unha gran carpa na Praza Maior, que será o centro das actividades programadas, con concertos todos os días, desfiles, e cantos de taberna. 
     
    No Magosto participarán as catro denominacións de orixe ourensás e haberá produtos típicos da terra, así coma unha promoción dos menús típicos de San Martiño, logo de chegar a un acordo coa Federación Provincial de Hostalería. Esta festa estará centrada, ademais, nos máis pequenos, con actividades propias para eles.
     
    Así mesmo, instalarase unha carpa temática na explanada das Burgas, que amosará "Unha viaxe ao Mundo Celta", e que será o primeiro paso para poñer en marcha a Semana Celta de Ourense.
     
    Nadal. Sacar a festa á rúa é, en palabras do concelleiro Mario González, a idea máis importante para estas datas. Así, representaranse en cinco puntos da cidade escenas do belén a tamaño natural, con actuacións musicais para ambientar e cun percorrido guiado para que se poidan visitar.
    Bono Cultural. Crearase un bono cultural que fomente o acceso ás actividades culturais das persoas das clases menos favorecidas: persoas desempregadas, mozos estudantes e pensionistas con rendas baixas.
     
    Banda de música Orquestra Xove de Ourense. Logo de iniciar conversas co Conservatorio de Ourense, quen apoiou a iniciativa con satisfacción, crearase unha Orquestra que lle dea saída aos talentosos novos músicos que se forman na cidade. 
     
    Por outra parte, o alcalde de Ourense defendeu a creación dunha banda amateur de música que encha o baleiro deixado pola banda municipal, cuxo custe anual ascendía a 400 mil euros. Estaría formada por músicos afeccionados, xubilados, ou estudantes de música.
     
    Ourense, 5 de xullo de 2019
     
    A danza e as artes do corpo encherán de vida e talento un ano máis as rúas da cidade coa novena edición de Corpo (a) terra. Artistas internacionais e de Galicia, coa especial participación das compañías integradas por coreógrafos e coreógrafas, bailarinas e bailaríns de Ourense, que protagonizarán as catro actuacións diarias, dunha duración aproximada de 20 minutos, que configura a programación. Danlle continuidade así a unha exitosa actividade que desde o verán de 2011 enriquece a oferta cultural da cidade e reivindica un novo uso do espazo urbano que apela a participación cidadana a través da danza.
     
    A zona vella, as prazas de Santa Eufemia e San Martiño, a escalinata de Santa María Nai, o mirador de San Francisco, a explanada de Expourense, o Café cultural Auriense e o Centro Cultural marcos Valcárcel serán escenario das actuacións do festival, que terá tamén unha xornada en Allariz, o 6 de xullo. 
     
    O festival, que organiza trasPediante, recibe unha aportación de 14.950 euros a través dun contrato asinado coa Concellería de Cultura. Toda a información está en www.corpoaterra.com Facebook: @corpo(a)terra  Instagram: corpoaterra
     
     
    PROGRAMACIÓN DO IX FESTIVAL DE DANZA E ARTES DO CORPO DE OURENSE CORPO (A) TERRA 2019,  DE 2 A 13 DE XULLO
     
    Día 5 de Xullo – Ourense
    - Presentación de O lugar que non hai | último libro de Pesía de Estevo Creus, Ed. Chan da Pólvora / 21:00 - 21:20h, Café cultural Auriense
    - Nazario Díaz / 22.00h - 23h , Claustro de San Francisco.
     
    Día 6 de Xullo – Allariz
    - Presentacións da mesa de traballo: Repensarnos como Patrimonio Inmaterial Actual. 16:30 - 18:30. Allariz, Fogar do Maior
    - Publishing performance | MACACO Press. 20:30 - 21:30, Praza de Abaixo
    - ONE HIT WONDER | Lina Segovia, Carlos Regueyra (Ganadores SóLODOS), 21:30 - 21:40, Praza de Abaixo
    - Julia Zac | 22:00 - 22:30 , Praza do Matadoiro
    - Alejandra Pombo / 23:30-00:40, Campo Branco
     
    Día 10 de Xullo – Ourense
    - Cía Alias_ danzas espontáneas 19:15 - 23:30 
    - CONFERENCIA: Iker Gómez / 20:00 – 21:00h, Centro Cultural Marcos Valcárcel
     
    Día 11 de Xullo – Ourense
    - Cía Alias_ danzas espontáneas 20:00 - 22:30h, Zona Vella distintos lugares
    - Elahood: Impermeable / 21:00 - 21:15, Praza Santa Eufemia
    - Ertza: Meeting Point (Circuito Redacieloabierto) / 21:30 - 21:45h, Escalinata Santa Martía Nai
     
    Día 12 de Xullo – Ourense
    -Sabela Mendoza: Conferencia performativa / 20-21h CC Marcos Valcárcel
    - Publishing performance: MACACO Press / 21-22h, Praza Santa Eufemia
    -Unaiuna (Circuito Redacieloabierto)/  22:00 - 22:15h, Praza Santa Eufemia
     
    Día 13 de Xullo – Ourense
    -CONFERENCIA: Manu Lago / 13:00 – 14:00h, CC Marcos Valcárcel
    - Publishing performance | MACACO Press 20- 21h, Praza Santa Eufemia
    - Cía Iker Gómez: Nowere_Madrid (Circuito Redacieloabierto) / 21:00 - 21:15h, Praza de San Martiño
    - Alvaro Reboredo "Fitinho” /  21:30 - 21:45h, Mirador de San Francisco
    - Jesús Rubio: GRAN BOLERO / 22- 23h, explanada do Auditorio
    - Dj Balboa /  23:30 - 00:30, Praza de San Marcial
     
    Residencia de formación con Jesús Rubio Gamo
     
    Corpo(a)terra 2019 inclúe tamén entre as súas actividades unha residencia de formación artística con Jesús Rubio Gamo cun grupo reducido de bailarinas e bailaríns. As participantes seleccionadas partillarán o proceso de adaptación da peza GRAN BOLERO ao contexto da IX edición do festival, que se representará o día 13 de xullo pechando a programación oficial de pezas de danza do festival.
     
    Ourense, 2 de xullo de 2019.
     
    O artista ourensán Zeta e a malagueña Ángeles Sioli amosan as súas últimas creacións no Museo Municipal. O espazo expositivo da rúa Lepanto acolle na súa salas I e I a exposición “Obra matérica”, de Zeta, e a sala III “En voz alta, de Sioli. As dúas poderanse visitar até o día 8 de setembro.
     
    Zeta é un artista ourensán diferente, que traballa con restos de materias e naturezas, pedra, madeira, cartón, ferro, cola, pigmentos... que potencian as luces e as sombras, convertendo o refugallo nunha obra elegante, e a pintura en esculto-pintura.
     
    Zeta desde a súa expresión artística máis próxima a una corrente matérica é rica en si mesma, porque se expresa por sí soa. Na súa obra atopamos reminiscencias co vivo, co orgánico, tendencia esta preponderante na Arte europea, xa que está a rescartar continuamente a conciencia de estar vivo, con tons frío e cálidos conxugando formas puras e profundas.
     
    EN VOZ ALTA é un proxecto que presenta Angeles Sioli. Unha colección de 20 obras utilizando distintas técnicas, vídeo- performance, debuxo, pintura, escultura e bordado. 
     
    O proxecto comeza dicindo NON, en voz alta. Un rexeitamento radical á desigualdade entre humanos. Negación sostida no tempo, escrita coa delicadeza duns pétalos, cunha palabra necesaria e sen equívocos: NON. Un desexo de igualdade que parte dun Universo Real, que viaxa por unha utopía positiva para recrear un Universo Ucrónico, o dunha realidade na que a igualdade existise. Ángeles Sioli leva anos expoñendo cunha actitude investigadora en temas, técnicas e materiais. Este, o seu último proxecto -En voz alta- preséntase en colaboración coa ourensá Fundación Cum Laude.
     
    O horario do Museo Municipal é: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas. Os domingos, de  11:00 a 13:30 horas. Luns, pechado.
     
    Páxinas: Primeiro ... 5 6 7 8 9 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica