CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Volver

    Ourense, 3 de febreiro de 2021.-
     
    O Concello de Ourense volverá agasallar este verán cun libro a todos os nenos e nenas da cidade, de 0 a 18 anos de idade. Será un exemplar á súa escolla, por importe de até 20 euros -se o importe supera esa cifra, a diferenza deberá ser achegada polo interesado- que poderán retirar en calquera das librarías da cidade. O Concello dálle continuidade así á campaña realizada de forma pioneira o pasado verán, coa que máis de 8.470 nenos e nenas recibiran este  agasallo do Concello como premio aos seus esforzos durante o confinamento e durante o curso escolar. Tras a boa acollida da primeira edición, o Concello repite e amplía a fórmula para chegar á totalidade de menores de 18 anos, incluíndo tamén os que cheguen a esa idade en 2021.
     
    O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lembra que “despois da pandemia, Ourense tivo unha iniciativa que foi pioneira en España polo alcance que tivo, agasallando cun libro a todos os menores de Ourense, que podían en elixir calquera formato, contido ou idioma”. Foi “unha iniciativa tremenda porque foi boa para o pequeno comercio, boa para os libreiros, boa para fomentar a lectura”, subliña; “a cultura é para os nenos, moitos dos cales se emocionaron porque vían que o Concello lles daba un premio polo seu esforzo durante o confinamento e durante un curso tan atípico”, di Pérez Jácome.
     
    Tamén pon en valor o alcalde que “moitos pais que levan os nenos á libraría acaban por comprar tamén outro para eles, e toman fidelidade cos comercios e volven, ocasionando un maior tráfico nas librarías locais que non se deu noutras cidades de España”. “Foi tal éxito a campaña que temos que repetila porque só arroxa cousas boas”, asegura o alcalde.
     
    Até os 10.000. Coa finalidade de avanzar no alcance da campaña este ano, explica, “será máis ampla, xa que a estenderemos a todos os nenos, desde os cero anos até os 18, desde o día das vacacións escolares até finais de agosto”. O único requisito é acudir a unha libraría e presentar o DNI. Coa ampliación da campaña, o Concello confía en chegar aos 10.000 nenos e nenas da cidade.
     
    A campaña “Un libro desconfina a túa imaxinación” desenvolveuse do 1 de xullo ao 14 de agosto de 2020, e participaron 35 librarías e papelarías da cidade.
     
    Ourense, febreiro de 2021.-
     
    O Concello organizará, durante o mes de marzo na sala Valente, unha gran exposición con máis de 50 personaxes tradicionais do Entroido ourensán. “Canceladas todas as grandes celebracións do evento máis sinalado do ciclo festivo da cidade, sen hostalaría nin actos culturais”, explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “o goberno municipal decidiu aprazar a exposición de personaxes”, di, cuxa apertura estaba prevista para o mes de febreiro, coincidindo co Entroido.
     
    Os elementos que se exporán proceden de cesións realizadas por 34 concellos -hai 44 localidades representadas-, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia.
     
    Xunto cos personaxes e os seus elementos, tamén se poderá coñecer grazas a esta exposición o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense: é o caso dos domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as tradicionais líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.
     
    Ourense, 15 de xaneiro de 2021.-
     
    O Concello de Ourense pospoñerá, durante o primeiro trimestre de 2021, os espectáculos previstos no Auditorio. O goberno municipal adopta esta decisión por un dobre motivo: “a inviabilidade de ter unha audiencia mínima, e para poder  aumentar a colaboración para a prevención en medidas fronte á COVID-19”. Ourense atópase desde esta semana en nivel máximo de restricións, segundo decretou a Xunta de Galicia, de forma que cun toque de queda ás 22:00 horas e peche perimetral, a cidade non pode recibir público de concellos limítrofes, xa que asistir a espectáculos non é causa de permeabilidade xustificada. 
    Non haberá, xa que logo, actividades no Auditorio de xaneiro a marzo, agás os dous concertos previstos para este trimestre no ciclo Enclave de Cámara: os dos cuartetos de corda Zagreb Quartet, 04.02.2021 e Ardeo Quartet 04.03.2021, xa contratados con anterioridade. “Se no mes de abril o panorama cambiase, poderiamos abordar o segundo trimestre con certa normalidade”, asegura o goberno municipal. 
     
    Oferta cultural
    O goberno local asegura que “de todos os xeitos Ourense cidade mantén unha oferta cultural que é superior á demanda actual neste estado de alarma en Nivel Máximo. Iso é debido a que o Teatro Principal, si mantén programación activa ”. Neste senso, explican, “entendemos que o  Concello de Ourense non debe ser alleo á oferta total na cidade, cando planificamos a nosa desde o municipio. Así, dada a situación actual e a pouca posibilidade de público actual debido á situación médica, a oferta desde o Teatro Principal cobre perfectamente a demanda na cidade”.
     
    A este respecto, explican, “o que desde o  Concello non imos facer é duplicar a oferta da cidade nunha época de restricións absoluta. É dicir, se xa custa encher o reducido aforo do Teatro Principal, non imos ofertar  espectáculos paralelos desde o auditorio no estado  de Nivel Máximo decretado pola Xunta”.

    O goberno municipal sostén que “o  Concello de Ourense seguirá sendo a locomotora cultural principal da cidade e provincia, cando a conxuntura o permita, como xa demostramos en Nadal, cunhas luces espectaculares, un innovador bus musical pioneiro en Galicia, e a recepción real (cabalgata estática de luxo), que nos situaron na cima das accións do Nadal municipais en toda Galicia”.
     
    Ourense, xaneiro de 2021.-

    O Concello de Ourense acordou cancelar os actos festivos para o Entroido de 2021 ante a evolución da pandemia e o incremento da curva de contaxios nas últimas semanas. Desta maneira, paralízase a organización dos eventos tradicionais desta época -xoves de compadres e de comadres, desfile, elección de rei/raíña do Entroido, animación na rúa con DJs- e farase un chamamento á responsabilidade da cidadanía sabendo que é unha das datas máis celebradas do calendario festivo ourensán.
     
    O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, apela á responsabilidade institucional para tomar esta decisión e anuncia que se estudará a posibilidade de introducir elementos de animación de rúa, caso das charangas e cabezudos do San Martiño, para manter o espírito festivo entre a poboación.
     
    Actualmente, a nosa cidade atópase nunha situación de risco media-alta, e as autoridades sanitarias decretan o peche perimetral dos concellos de Ourense e de Barbadás, o peche da hostalería ás 18:00 horas -cun 30% de aforo no interior e 50% no exterior-, as reunións persoais limitadas a un máximo de catro persoas, e a mobilidade nocturna restrinxida de 23:00 a 6:00 horas, entre outras.
     
    O rexedor confía en que a evolución dos casos en Ourense vaia descendendo e a cidade poida ir recuperando, aos poucos, as citas do seu calendario festivo.
     
    Ourense, 11 de xaneiro de 2021.-
     
    A música segue a ser a protagonista da programación cultural do Auditorio Municipal. Logo do Concerto de Reis a cargo da Orquesta Clásica de Vigo, o Ciclo Enclave de Cámara toma o relevo este xoves 14 de xaneiro ás 20.30 horas cun dos grupos de cámara con máis proxección da súa xeración: o cuarteto de saxos Ensemble Kebyart.
     
    A formación conta cun amplo currículo en prestixiosos concursos nacionais e internacionais, coma o Orpheus Swiss Chamber Music Competition, International Franz Cibulka Competition, El Primer Palau ou o Premio BBVA de Música de Cámara Montserrat Alavedra, entre outros. En 2015 foron premiados na 84ª edición do Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España.
     
    Foron programados nas tempadas do Palau da Música Catalana, Auditori de Barcelona, Fundación Juan March, e as súas actuacións transcenden as fronteiras nacionais: Alemaña, China, Francia, Rusia, Austria, Países Baixos, Suíza... Os próximos compromisos levaranos a salas coma o Wigmore Hall de Londres, o Konzerthaus de Berlin ou o Stadt Casino de Basilea, entre outros.
     
    A música para cuarteto de saxofóns non é das máis habituais, polo que o concerto será unha oportunidade única. Este é o programa:
     
    I Parte
    Joseph Haydn (1732-1809) | Cuarteto Op. 33 Num. 3 en do maior “O paxaro” (1781) [Transcrición Kebyart Ensemble’]
    Allegro moderato | Scherzo: Allegreto | Adagio ma non troppo | Finalle: Rondo – Presto
    Péter Eötvös (1944-) | Lectures différentes (2014)
    Scène 1/A | Scène 1/B lecture différente | Scène 2/A | Scène 2/B lecture différente
     
    II Parte
    Aleksandr Glazunov (1865-1936) | Cuarteto para saxofóns, Op. 109 (1932)
    Première Partie | Canzone variée; Variations No. 1-5 | Finale
    As entradas, desde 8 euros en ataquilla.com ou dúas horas antes da función na billeteira do Auditorio.

    Entradas en ataquilla.com.
     
    Ourense, 05 de xaneiro de 2021.-
     
    O Auditorio Municipal de Ourense pecha o seu programa de Nadal con dous eventos especiais: a actuación do Circo dos Muchachos de Bemposta, este xoves 7, e o tradicional concerto de Reis, o sábado 9. 
     
    O espectáculo circense apoderarase do complexo cultural de San Francisco este xoves da man do Circo dos Muchachos, un dos movementos máis representativos da cidade. Será na sala principal, ás 18.00 horas. A entrada é de balde, e haberá que reservala na propia billeteira do Auditorio durante o mesmo día, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas até o inicio do espectáculo.
     
    O sábado 9 de xaneiro, a Orquestra Clásica de Vigo deixaranos o último agasallo de Nadal co Concerto de Reis desde as 19.00 horas, unha homenaxe ao mestre Beethoven, con dúas das súas composicións máis coñecidas.
     
    Na primeira parte, o concerto para e orquestra n.º 4 en sol maior, op. 58, cos seus tres movementos e Severino Ortiz como solista.
     
    I. Allegro moderato
    II. Andante con moto
    III. Rondó (Vivace)
     
    Na segunda parte do concerto, a Sinfonía n.º 3 en mi bemol maior, op. 55, do mestre teutón, coñecida como A Heroica, unha das obras máis emblemáticas do xenio alemán, inicio do romanticisimo musical, escollida como unha das mellores composicións musicais da historia polos expertos. 
     
    I. Allegro con brio
    II. Marcia funebre (Adagio assai)
    III. Scherzo (Allegro)
    IV. Finale (Allegro molto–Poco andante–Presto)
     
    As entradas poden adquirirse en A Taquilla ou na billeteira do Auditorio o día da función.
     
    Espazos expositivos
     
    A oferta cultural municipal amplíase cos seguintes espazos expositivos: 
    o Belén de Baltar, na praza dos santos Cosmede e Damián, aberto de 11.00 a 13.30 horas e, até o xoves 7, tamén de 17.30 a 20.30 horas.
    o Museo Municipal da rúa Lepanto, coa exposición Os nosos fondos, aberto de martes a sábados de 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.
    a sala Valente, na rúa do Paseo, coa exposición Os caprichos espidos, de Xosé Poldras, aberta de martes a sábado de 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.
    o Claustro gótico de San Francisco, de martes a sábado de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
     
    Ourense, 04 de xaneiro de 2021.-
     
    Preto de 2.000 persoas asistirán mañá, martes, día 5 de xaneiro á recepción dos Reis Magos á rapazada de Ourense, que se desenvolverá no Auditorio Municipal, organizada polo Concello. Serán, en total, 8 pases, un cada hora, que comezarán ás 11:00, 12:00, 13:00, 16:00, 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas, aos que asistirán en persoa todos os nenos e as nenas que se apuntaron a través do espazo web que habilitou o Concello.
     
    As entradas esgotáronse na súa totalidade. Mais os menos e as nenas que non se apuntaron tamén poderán ver os Reis Magos de Oriente, xa que o Concello emitirá a través da canle de vídeos municipal en YouTube a tradicional mensaxe de saúdo das Súas Maxestades, que en anos anteriores se realizaban desde os balcóns da Casa do Concello, dirixida a toda a rapazada ourensá. Será mañá, ás 21:00 horas.
     
    A entrada ao recinto deberase efectuar pola parte traseira do Auditorio, a través dunha pasaxe elaborada para a ocasión, ao carón do Arquivo Histórico Provincial.
     
    A Concellería de Cultura fai un chamamento á responsabilidade dos asistentes para que as primeiras medidas sexan, precisamente, as individuais. A maiores, lembra a necesidade de seguir outra serie de indicacións de forma rigorosa:
     
    O uso da máscara é obrigatorio en todo momento (maiores de 3 anos).
    No acceso ao recinto e nos diferentes espazos haberá xel hidroalcohólico.
    Non está permitido fumar.
    O acceso e a saída dos espazos efectuarase de maneira graduada e baixo o control do persoal da organización para garantir a distancia de seguridade e evitar aglomeracións.
    Prégase paciencia e atención ás indicacións.
    Seguir a sinalización para desprazarse polo espazo, respectar os asentos asignados e a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros con outras persoas.
    Calquera persoa que pensen que poida ter síntomas ou estar en contacto con alguén diagnosticado da virus, é preferible que se non abandone a casa.
     
     
    Ourense, 29 de decembro de 2020.-
     
    As súas maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, recibirán os nenos e as nenas de Ourense o vindeiro 5 de xaneiro, véspera do reparto dos regalos, no Auditorio Municipal. Será en cinco sesións para as que haberá que inscribirse previamente -desde hoxe, martes, até o domingo 3 de xaneiro ás 23:59 horas- no espazo web http://entradasourensecultura.gal, unha ferramenta elaborada polo centro de Intelixencia Artificial. 
     
    Haberá un total de cinco sesións pola tarde con aforo para 240 persoas cada unha e, unha vez se completen, abriranse tres máis pola mañá. É dicir, que até 1.920 persoas poderán visitar os Reis Magos. A distribución das sesións e os asentos asignados serán establecidos polo programa informático. A entrada ao recinto efectuarase pola porta situada ao carón do Arquivo Histórico Provincial e desemboca no aparcamento do Claustro de San Francisco. 

    A sesión das 21:00 horas será retransmitida na canle de vídeos municipal.
     
    Conscientes das medidas impostas pola pandemia, a Concellería de Cultura seguirá medidas para a prevención da Covid-19, e cumprirá cos requisitos e medidas hixiénicas obrigatorias na data da celebración. Para iso, faise un chamamento á responsabilidade dos asistentes para que as primeiras medidas sexan, precisamente, as individuais. Entre elas, que os grupos de nenos-as estean acompañadas por un só adulto / titor-a por unidade familiar para deixar máis prazas para a cativada.
     
    Medidas hixiénicas. O uso da máscara é obrigatorio en todo momento (maiores de 3 anos). No acceso ao recinto e nos diferentes espazos haberá xel hidroalcohólico. Non está permitido fumar. O acceso e a saída dos espazos efectuarase de maneira graduada e baixo o control do persoal da organización para garantir a distancia de seguridade e evitar aglomeracións. Prégase paciencia e atención ás indicacións. Seguir a sinalización para desprazarse polo espazo, respectar os asentos asignados e a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros con outras persoas forma parte, ademais, da responsabilidade social. Calquera persoa que pensen que poida ter síntomas ou estar en contacto con alguén diagnosticado da virus, mellor na casa.
     
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica