CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    Volver

    Ourense, 15 de xaneiro de 2021.-
     
    O Concello de Ourense pospoñerá, durante o primeiro trimestre de 2021, os espectáculos previstos no Auditorio. O goberno municipal adopta esta decisión por un dobre motivo: “a inviabilidade de ter unha audiencia mínima, e para poder  aumentar a colaboración para a prevención en medidas fronte á COVID-19”. Ourense atópase desde esta semana en nivel máximo de restricións, segundo decretou a Xunta de Galicia, de forma que cun toque de queda ás 22:00 horas e peche perimetral, a cidade non pode recibir público de concellos limítrofes, xa que asistir a espectáculos non é causa de permeabilidade xustificada. 
    Non haberá, xa que logo, actividades no Auditorio de xaneiro a marzo, agás os dous concertos previstos para este trimestre no ciclo Enclave de Cámara: os dos cuartetos de corda Zagreb Quartet, 04.02.2021 e Ardeo Quartet 04.03.2021, xa contratados con anterioridade. “Se no mes de abril o panorama cambiase, poderiamos abordar o segundo trimestre con certa normalidade”, asegura o goberno municipal. 
     
    Oferta cultural
    O goberno local asegura que “de todos os xeitos Ourense cidade mantén unha oferta cultural que é superior á demanda actual neste estado de alarma en Nivel Máximo. Iso é debido a que o Teatro Principal, si mantén programación activa ”. Neste senso, explican, “entendemos que o  Concello de Ourense non debe ser alleo á oferta total na cidade, cando planificamos a nosa desde o municipio. Así, dada a situación actual e a pouca posibilidade de público actual debido á situación médica, a oferta desde o Teatro Principal cobre perfectamente a demanda na cidade”.
     
    A este respecto, explican, “o que desde o  Concello non imos facer é duplicar a oferta da cidade nunha época de restricións absoluta. É dicir, se xa custa encher o reducido aforo do Teatro Principal, non imos ofertar  espectáculos paralelos desde o auditorio no estado  de Nivel Máximo decretado pola Xunta”.

    O goberno municipal sostén que “o  Concello de Ourense seguirá sendo a locomotora cultural principal da cidade e provincia, cando a conxuntura o permita, como xa demostramos en Nadal, cunhas luces espectaculares, un innovador bus musical pioneiro en Galicia, e a recepción real (cabalgata estática de luxo), que nos situaron na cima das accións do Nadal municipais en toda Galicia”.
     
    Ourense, 11 de xaneiro de 2021.-
     
    A música segue a ser a protagonista da programación cultural do Auditorio Municipal. Logo do Concerto de Reis a cargo da Orquesta Clásica de Vigo, o Ciclo Enclave de Cámara toma o relevo este xoves 14 de xaneiro ás 20.30 horas cun dos grupos de cámara con máis proxección da súa xeración: o cuarteto de saxos Ensemble Kebyart.
     
    A formación conta cun amplo currículo en prestixiosos concursos nacionais e internacionais, coma o Orpheus Swiss Chamber Music Competition, International Franz Cibulka Competition, El Primer Palau ou o Premio BBVA de Música de Cámara Montserrat Alavedra, entre outros. En 2015 foron premiados na 84ª edición do Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España.
     
    Foron programados nas tempadas do Palau da Música Catalana, Auditori de Barcelona, Fundación Juan March, e as súas actuacións transcenden as fronteiras nacionais: Alemaña, China, Francia, Rusia, Austria, Países Baixos, Suíza... Os próximos compromisos levaranos a salas coma o Wigmore Hall de Londres, o Konzerthaus de Berlin ou o Stadt Casino de Basilea, entre outros.
     
    A música para cuarteto de saxofóns non é das máis habituais, polo que o concerto será unha oportunidade única. Este é o programa:
     
    I Parte
    Joseph Haydn (1732-1809) | Cuarteto Op. 33 Num. 3 en do maior “O paxaro” (1781) [Transcrición Kebyart Ensemble’]
    Allegro moderato | Scherzo: Allegreto | Adagio ma non troppo | Finalle: Rondo – Presto
    Péter Eötvös (1944-) | Lectures différentes (2014)
    Scène 1/A | Scène 1/B lecture différente | Scène 2/A | Scène 2/B lecture différente
     
    II Parte
    Aleksandr Glazunov (1865-1936) | Cuarteto para saxofóns, Op. 109 (1932)
    Première Partie | Canzone variée; Variations No. 1-5 | Finale
    As entradas, desde 8 euros en ataquilla.com ou dúas horas antes da función na billeteira do Auditorio.

    Entradas en ataquilla.com.
     
    Ourense, 05 de xaneiro de 2021.-
     
    O Auditorio Municipal de Ourense pecha o seu programa de Nadal con dous eventos especiais: a actuación do Circo dos Muchachos de Bemposta, este xoves 7, e o tradicional concerto de Reis, o sábado 9. 
     
    O espectáculo circense apoderarase do complexo cultural de San Francisco este xoves da man do Circo dos Muchachos, un dos movementos máis representativos da cidade. Será na sala principal, ás 18.00 horas. A entrada é de balde, e haberá que reservala na propia billeteira do Auditorio durante o mesmo día, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas até o inicio do espectáculo.
     
    O sábado 9 de xaneiro, a Orquestra Clásica de Vigo deixaranos o último agasallo de Nadal co Concerto de Reis desde as 19.00 horas, unha homenaxe ao mestre Beethoven, con dúas das súas composicións máis coñecidas.
     
    Na primeira parte, o concerto para e orquestra n.º 4 en sol maior, op. 58, cos seus tres movementos e Severino Ortiz como solista.
     
    I. Allegro moderato
    II. Andante con moto
    III. Rondó (Vivace)
     
    Na segunda parte do concerto, a Sinfonía n.º 3 en mi bemol maior, op. 55, do mestre teutón, coñecida como A Heroica, unha das obras máis emblemáticas do xenio alemán, inicio do romanticisimo musical, escollida como unha das mellores composicións musicais da historia polos expertos. 
     
    I. Allegro con brio
    II. Marcia funebre (Adagio assai)
    III. Scherzo (Allegro)
    IV. Finale (Allegro molto–Poco andante–Presto)
     
    As entradas poden adquirirse en A Taquilla ou na billeteira do Auditorio o día da función.
     
    Espazos expositivos
     
    A oferta cultural municipal amplíase cos seguintes espazos expositivos: 
    o Belén de Baltar, na praza dos santos Cosmede e Damián, aberto de 11.00 a 13.30 horas e, até o xoves 7, tamén de 17.30 a 20.30 horas.
    o Museo Municipal da rúa Lepanto, coa exposición Os nosos fondos, aberto de martes a sábados de 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.
    a sala Valente, na rúa do Paseo, coa exposición Os caprichos espidos, de Xosé Poldras, aberta de martes a sábado de 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.
    o Claustro gótico de San Francisco, de martes a sábado de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
     
    Ourense, 04 de xaneiro de 2021.-
     
    Preto de 2.000 persoas asistirán mañá, martes, día 5 de xaneiro á recepción dos Reis Magos á rapazada de Ourense, que se desenvolverá no Auditorio Municipal, organizada polo Concello. Serán, en total, 8 pases, un cada hora, que comezarán ás 11:00, 12:00, 13:00, 16:00, 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas, aos que asistirán en persoa todos os nenos e as nenas que se apuntaron a través do espazo web que habilitou o Concello.
     
    As entradas esgotáronse na súa totalidade. Mais os menos e as nenas que non se apuntaron tamén poderán ver os Reis Magos de Oriente, xa que o Concello emitirá a través da canle de vídeos municipal en YouTube a tradicional mensaxe de saúdo das Súas Maxestades, que en anos anteriores se realizaban desde os balcóns da Casa do Concello, dirixida a toda a rapazada ourensá. Será mañá, ás 21:00 horas.
     
    A entrada ao recinto deberase efectuar pola parte traseira do Auditorio, a través dunha pasaxe elaborada para a ocasión, ao carón do Arquivo Histórico Provincial.
     
    A Concellería de Cultura fai un chamamento á responsabilidade dos asistentes para que as primeiras medidas sexan, precisamente, as individuais. A maiores, lembra a necesidade de seguir outra serie de indicacións de forma rigorosa:
     
    O uso da máscara é obrigatorio en todo momento (maiores de 3 anos).
    No acceso ao recinto e nos diferentes espazos haberá xel hidroalcohólico.
    Non está permitido fumar.
    O acceso e a saída dos espazos efectuarase de maneira graduada e baixo o control do persoal da organización para garantir a distancia de seguridade e evitar aglomeracións.
    Prégase paciencia e atención ás indicacións.
    Seguir a sinalización para desprazarse polo espazo, respectar os asentos asignados e a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros con outras persoas.
    Calquera persoa que pensen que poida ter síntomas ou estar en contacto con alguén diagnosticado da virus, é preferible que se non abandone a casa.
     
     
    Ourense, 29 de decembro de 2020.-
     
    As súas maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, recibirán os nenos e as nenas de Ourense o vindeiro 5 de xaneiro, véspera do reparto dos regalos, no Auditorio Municipal. Será en cinco sesións para as que haberá que inscribirse previamente -desde hoxe, martes, até o domingo 3 de xaneiro ás 23:59 horas- no espazo web http://entradasourensecultura.gal, unha ferramenta elaborada polo centro de Intelixencia Artificial. 
     
    Haberá un total de cinco sesións pola tarde con aforo para 240 persoas cada unha e, unha vez se completen, abriranse tres máis pola mañá. É dicir, que até 1.920 persoas poderán visitar os Reis Magos. A distribución das sesións e os asentos asignados serán establecidos polo programa informático. A entrada ao recinto efectuarase pola porta situada ao carón do Arquivo Histórico Provincial e desemboca no aparcamento do Claustro de San Francisco. 

    A sesión das 21:00 horas será retransmitida na canle de vídeos municipal.
     
    Conscientes das medidas impostas pola pandemia, a Concellería de Cultura seguirá medidas para a prevención da Covid-19, e cumprirá cos requisitos e medidas hixiénicas obrigatorias na data da celebración. Para iso, faise un chamamento á responsabilidade dos asistentes para que as primeiras medidas sexan, precisamente, as individuais. Entre elas, que os grupos de nenos-as estean acompañadas por un só adulto / titor-a por unidade familiar para deixar máis prazas para a cativada.
     
    Medidas hixiénicas. O uso da máscara é obrigatorio en todo momento (maiores de 3 anos). No acceso ao recinto e nos diferentes espazos haberá xel hidroalcohólico. Non está permitido fumar. O acceso e a saída dos espazos efectuarase de maneira graduada e baixo o control do persoal da organización para garantir a distancia de seguridade e evitar aglomeracións. Prégase paciencia e atención ás indicacións. Seguir a sinalización para desprazarse polo espazo, respectar os asentos asignados e a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros con outras persoas forma parte, ademais, da responsabilidade social. Calquera persoa que pensen que poida ter síntomas ou estar en contacto con alguén diagnosticado da virus, mellor na casa.
     
     
    Ourense, 14 de Decembro de 2020.-
     
    O Auditorio Municipal programa para esta semana tres espectáculos de teatro, tanto para público adulto como para público infantil. Cumpre lembrar que esta semana se recupera a obra Rosalía que non se puidera celebrar o 29 de novembro. As persoas que dispuñan de entradas naquela data de entradas poderán facer uso delas e amais, debido a que se aumentou a capacidade para este tipo de espectáculos, haberá novas entradas a venta.
     
    - Xoves, 17 de decembro ás 20.30 horas
     
    SE FOSEN TURISTAS LEVARÍAN GAFAS DE SOL. LIMIAR TEATRO.
    Limiar Teatro convidanos a reflexionar sobre a memoria da emigración coa obra “Se fosen turistas levarían gafas de sol”.
     
    - Venres, 18 de decembro, as 18.00 horas
     
    ROSALÍA. Culturactiva
    Na Sala Principal do Auditorio Municipal, actúa a compañía Culturaactiva representando "Rosalía". A obra teatral está dirixida a público infantil e está inspirada na infancia da escritora galega. O prezo da entrada é de 3 €.
     
    - Domingo, 30 de decembro ás 12.00 horas
     
    CACHOPO MÁXICO. LILA TEATRO.
     “O Cachopo Máxico” é unha alegre interpretación do Nadal dende a perspectiva das costumes galegos máis antigas. Obra teatral dirixida a público infantil/familiar.
     
    Entradas en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
     
     
    · Teatro e exposicións conforman a oferta cultural municipal

    · A exposición 'Construíndo o universo desde Ourense' trasladase desde mañá martes á terraza do centro comercial Ponte Vella

    Ourense, 07 de Decembro de 2020.-

    O Concello de Ourense propón teatro para todos os públicos dentro da oferta cultural desta semana. O mércores e o venres, orientado cara a un público adulto, o domingo cara ao infantil. 

    O mércores, 9 de decembro, ás 20.30h, na sala principal do Auditorio Municipal de Ourense, actuarán Ainé producións representando a obra O Montacargas.
    O venres, 11 de decembro, ás 20.30h, na sala principal do Auditorio Municipal de Ourense actuarán Estudo Momento representando a obra 1879, Casa de Bonecas.

    Para o domingo, 13 de decembro, ás 12.00h, actuarán Café de las Artes Teatro representando A inesquecible viaxe de Nana. Esta obra teatral está destinada a nenos e nenas. Entrada: 3 euros

    Toda a información sobre os espectáculos: www.ourensecultura.gal 

    Actualmente, o aforo máximo permitido é de 160 persoas, gardando todas as medidas de hixiene persoal -máscara para a boca, lavado de mans con xel hidroalcohólico, etc-. As entradas pódense adquirir en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.

    Construíndo o universo desde Ourense

    A exposición 'Construíndo o universo desde Ourense' segue o seu camiño: logo de pasar pola rúa do Paseo e pola Biblioteca Pública Nós, poderase visitar desde mañá martes na terraza do centro comercial Ponte Vella. A exposición explica, a través de 12 paneis, o que significou a Revista Nós, da que se cumpre o centenario. Un movemento que transcende o cultural, pois tentou modernizar Galicia, dignificar a súa cultura e as súas xentes. Está impulsada pola Fundación Vicente Risco e organizada polo Concello de Ourense a través da Concellería de Cultura.
     
     
    Ourense, 01 de Decembro de 2020.-
     
    A Concellaría de Cultura, do Concello de Ourense, programa o espectáculo de Rosalía, representado pola compañía Culturaactiva, para o vindeiro venres, 18 de decembro, ás 18.00 h. 
     
    A obra teatral, dirixida a tódolos públicos, representarase na Sala Principal do Auditorio Municipal. As entradas, a tres euros, xa están dispoñibles en ataquilla.com. Ataquilla.com está a contactar coa xente que xa tiña entradas reservadas para verificar se queren devolución ou reserva para a nova data.
     
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica