CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL

    Volver

    Ourense, 10 de decembro de 2020.-
     
    O Concello de Ourense abre ao público dende hoxe a exposición “Reencontros e banalidades”, o proxecto fotográfico da ourensá Beatriz Durán, na sala III do Museo Municipal. 
     
    A presentación deste proxecto expositivo ten un interese temporal, posto que amosa 59 luscofuscos fotografados durante os 59 días de confinamento, no marco do estado de alarma iniciado o 14 de marzo de 2020 a razón dunha pandemia global que aínda, a día de hoxe, seguimos sufrindo.
     
    O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, e a artista visitaron esta mañá a mostra, que desde hoxe se pode visitar no Museo Municipal
    Beatriz Durán, ourensá sensibilizada dun xeito moi especial, pola súa dedicación profesional, coa educación especial, formúlanos un proxecto solidario para así axudar a quen está sufrindo as consecuencias da pandemia, individual e colectivamente.
     
    Este proxecto ten como finalidade amosarlles apoio e comprensión a aquelas persoas que o viviron dende a soidade, ás que sufriron problemas de saúde e as viviron outras situacións complexas.
     
    Amais, este proxecto ten unha finalidade solidaria ao destinar a recadación das obras, simbólica, á Asociación Española Contra o Cancro.
     
    Ourense, 5 de decembro de 2020.-
    O Museo Municipal presenta o catálogo da exposición colectiva 'Os nosos fondos', a colección de arte privada que custodia o Concello. O documento  pódese consultar en liña na páxina web da Concellería de Cultura: ourensecultura.gal [enlace], e desde mediados de mes estará a disposición no Museo.
     
    A exposición, de carácter permanente, contén importantes mestres da pintura e da escultura ourensáns, caso de Prego de Oliver, Cándido Fernández Mazas, Luis Trabazo, Xaime Quesada, Antonio Quesada, Virxilio Fernández, Acisclo Manzano, Manolo Buciños, Xosé Cid, Vidal Souto, ou Alexandro, entre outros. Forman parte da colección de 1.306 obras de arte -pintura, escultura, debuxo...- que se conservan e custodian no Museo Municipal de Ourense. 
     
    O Museo abre no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas; os domingos, de 11:00 a 13.30 horas; os luns permanece pechado.
     
    No centenario da Revista Nós, no que se lle rende homenaxe ao traballo do grupo de intelectuais e a un dos proxectos culturais colectivos máis singulares e universais que desenvolveu na cidade de Ourense, a exposición 'Construíndo o universo desde Ourense' segue o seu camiño: logo de pasar pola rúa do Paseo e pola Biblioteca Pública Nós, a exposición poderase visitar desde este martes na terraza do centro comercial Ponte Vella.
     
    A exposición explica, a través de 12 paneis, o que significou a Revista Nós, da que se cumpre o centenario. Un movemento que transcende o cultural, pois tentou modernizar Galicia, dignificar a súa cultura e as súas xentes. Está impulsada pola Fundación Vicente Risco e organizada polo Concello de Ourense a través da Concellería de Cultura.

    Imaxe da obra "Chuvia", de Alexandro González Cruz.
     
     
    Ourense, xuño de 2020.-
     
    O Museo Municipal ábrelle de novo as súas portas á cidade este martes 30 de xuño. Será coa colección de arte privada que custodia o Concello, 'Os nosos fondos'. Preténdese dar a coñecer aos propios ourensáns e a todo o público que veña a visitar a nosa cidade o importante patrimonio dos artistas locais: “Nun momento tan convulso coma o que estamos a vivir, é moi importante para a nosa identidade social e cultural amosar a colección de arte máis íntima dos nosos artistas máis destacados”, asegura Eva Torres, directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense. 
     
    A exposición, de carácter permanente, contén importantes mestres da pintura e da escultura ourensáns, caso de Prego de Oliver, Cándido Fernández Mazas, Luis Trabazo, Xaime Quesada, Antonio Quesada, Virxilio Fernández, Acisclo Manzano, Manolo Buciños, Xosé Cid, Vidal Souto, ou Alexandro, entre outros. Forman parte da colección de 1.306 obras de arte -pintura, escultura e debuxo- que se conservan e custodian no Museo Municipal de Ourense. 
     
    'Os nosos fondos' chega ademais co centenario da Revista Nós: o Concello quere renderlle así unha homenaxe ao traballo deste grupo de intelectuais e a un dos proxectos culturais colectivos máis singulares e universais que desenvolveu na cidade de Ourense.
     
    O Museo Municipal de Ourense ocupa dende 1987 un antigo edificio renacentista do século XVII. A antiga casa da familia Méndez Montouto ten tres plantas, dúas dedicadas nos próximos meses a exposicións permanentes nas que se presentarán as coleccións privadas do Concello de Ourense a través de 'Os nosos fondos'. A terceira planta estará dedicada a exposicións temporais coma até o de agora: o 3 de xullo presentarase 'Cromática, bienal de pintura de arte novo'.
     
    Emprazado na rúa Lepanto, antiga rúa da Obra -nome que lle deron os construtores que traballaron a pedra para a catedral desa rúa, xunto á entrada norte-, pódese visitar no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas; os domingos, de 11:00 a 13.30 horas; os luns permanece pechado.
     
    Ourense, 12 de febreiro de 2020
     
    Máis de 2.000 persoas visitaron até hoxe a exposición Retrospectiva, que recolle medio cento de obras de Carmucha Vázquez Prats que percorren a súa obra e resumen a súa vida pictórica. Esta mañá tivo lugar a presentación do catálogo desta exposición, que está aberta ao público até o domingo na Sala Valente. A artista expresou a súa ledicia e agradecemento polos resultados da mostra, tanto pola afluencia de público, que cifrou en máis de 2.000 persoas, como polo apoio recibido por parte do Concello, polo equipo da Sala Valente e pola calidade do catálogo.
     
    A mostra foi un éxito tremendo, en palabras da directora de espazos expositivos do Concello, Eva Torres, quen subliñou que Vázquez Prats é unha artista que vive da sala, da súa obra e da súa xente, xa que foi partícipe da exposición constantemente, coa súa presenza na propia sala. 
     
    Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Mario González destacou a calidade da mostra que, recoñeceu, visitou en moitas ocasións “sacándolle todo o xugo a Carmucha, que nos contou toda a súa historia, e incluso pequenas anécdotas que estaban escondidas detrás destes cadros”, subliñando que foi un pracer coñecer a Vázquez Prats, como artista e como persoa. Tamén puxo en valor a achega da Sala Valente á programación cultural da cidade: “seguimos traballando neste marabilloso espazo, que é un pulmón de cultura para a cidade, e seguiremos apoiando o traballando o traballo dos artistas de Ourense”.

    Carmucha Vázquez Prats
    Muller adicada á pintura dende nena, Vázquez Prats é un exemplo de constancia, traballo e implicación artística. Fixo a súa primeira exposición nos anos 50, e desde aquela realizou continuas mostras a nivel nacional e internacional. Vázquez Prats procede a pinceladas curtas, case unánimes, que van compoñendo con pequenos fragmentos de cor a paisaxe estremecida da súa pintura. Son pinceladas sinxelas, mais sinceras e alleas ao efectismo fácil, que se esparexen polo fondo do cadro coa mesma minuciosidade de procedemento que cando tocan a figura protagonista. 
     
    A mostra pódese visitar até finais desta semana: o sábado, de 13.30h e de 18.30h a 21.30h e os domingos de 11h a 13.30h. 
     
    Ourense, 3 de outubro de 2019
     
    O Museo Municipal inaugurará mañá, venres, 4 de outubro, ás 19:30 horas a exposición “Fragmentos de existencia”, do artista ourensán Francisco Ramos, que estará aberta ao público até final de ano na sala III do Museo da rúa Lepanto. A mostra consta dun total de 20 acuarelas de formato medio-grande e un óleo sobre táboa. 
     
    Francisco Ramos, natural de Morgade (comarca da Limia) é un artista que sente a textura acuosa da acuarela a través das cores de diversa natureza, integrando de forma diferente e atrevida tons fríos e cálidos, facendo xurdir dunha captura previa do natural unha abstracción paisaxística. 
     
    O Museo Municipal acolle tamén ata final de ano, nas salas I e II a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés. Esta mostra inaugurarase hoxe ás 20.30h.

     (Tríptico da exposición)
     
     
    Ourense, 2 de outubro de 2019

    O Museo Municipal acollerá desde mañá, xoves, 3 de outubro a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto. A mostra, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés, inaugurarase mañá, ás 20.30 horas, e permanecerá aberta ao público até final de ano nas salas I e II do Museo da rúa Lepanto. 
     
    Fernando Prieto é un artista hiperrealista dunha grande calidade pictórica. Desde moi cativo manifestou a súa inclinación cara ao debuxo e a pintura, participando á idade de 13 anos na súa primeira exposición, nunha sala do Concello de Ferrol. Realizou os estudos de perito mercantil, sen abandonar nunca a súa gran paixón, a pintura. 
     
    Aurelio  Lombera concedeulle unha bolsa na súa academia de Pintura onde, durante cinco anos, compartiu clases con Rogelio Puente e outros destacados pintores coruñeses. Posteriormente, asistiu outros cinco anos ao estudo de Vidal  Lombán, pintor ourensán afincado na Coruña.
     
    A súa pintura é realista, pero máis aló da mera diversión plástica, a súa intención é trasladar o espectador desde os obxectos e as figuras humanas a outra profundidade. As mans, os zapatos vellos, as froitas, as pezas de vestir..., represéntanse de forma  hiperrealista, mais perden o seu significado real para alcanzar a magnitude sensorial. Detrás do  Hiperrealismo Subxectivo que define Prieto, existe un certo surrealismo, que se apoia en imaxes-símbolo que transcende a aparencia dos obxectos para transportarnos a un mundo  onírico e poético, elixindo unha vía de traballo semellante á proposta por Magritte.
     
    A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, tanto en España como en Estados Unidos. 

     (Tríptico da exposición)
     
    Ourense, marzo de 2019.-

    O Museo Municipal de Ourense acolle, até o 28 de abril, a nova obra da pintora e creadora ourensá Ana Ferreiro, '20 mujeres'. Trátase dunha colección de óleos sobre lenzo que achega unha mensaxe comprometida, pero sen afastarse un ápice da realidade. 
     
    Así o podemos ver na perfección das formas, no exacto emprego dos pigmentos que converten as imaxes reais en obras de grande solidez, pero abertas a esa historia que percebe quen se asoma á súa arte. Unha arte inmensamente necesaria para poder percibir máis aló dos retratos do Instagram, ler sobre o que nos é alleo, interpretar o que os outros, os que moitas veces están ao noso lado, senten e plasman a través da arte.
     
    En '20 mujeres' poderemos pasear por retratos que van acompañados de cadansúa historia, unha historia de loita e de traballo polas súas ideas, polos seus dereitos. 
     
    Ana Ferreiro, que forma parte da familia do Museo Municipal desde 2010, sente a chamada da pintura como medio de expresión: a súa pintura é unha forma de interpretar a realidade. E pinta mulleres porque “é muller, e feminista”. 
     
     
    Ourense, 14 de marzo de 2019.
     
    O Museo Municipal de Ourense inaugura, esta tarde, dúas novas exposicións de Mónica Figueira. Baixo o seudónimo de Môf la sinvergüenza, a artista ourensá presenta 'Or@perucita' e 'Taras', dúas propostas diferentes entre si pero igualmente comprometidas nas que afloran os sentidos, a paixón, os medos, o sexo e a vida. Permanecerán na sala III (segundo andar) deste espazo expositivo até o 28 de abril.
     
    'Or@perucita' é unha transgresión dos canons, unha volta de folla a ese personaxe feminino da nosa literatura infantil. Unha instalación para un non-conto feito a golpe de óleos e de madeira. Un percorrido polos cinco sentidos “que todos deixamos un pouco de lado no día a día”, advirte a autora, e unha chamada a volver usalos en plenitude. Cinco sentidos que “nos levan ao sexto sentido, que é o sexo sentido”, di.
     
    'Taras', pola súa banda, é unha viaxe a través das follas en branco dun libro, unha sorte de xogo das agachadas. Ao ir enchendo as follas do libro, a artista vai escapando do irremediable peso da vida e acaba por cantar vitoria, unha vitoria que é "por min e por todas as miñas compañeiras”.
     
    A exposición inaugúrase este xoves 14 ás 19:00 horas e poderá visitarse en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, de martes a sábados, e de 11:00 a 13:30 horas os domingos. Os luns, o Museo Municipal (rúa Lepanto 8) permanece pechado.
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica