CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Concello de Ourense - Cultura - CENTRO MUNICIPAL ÁNGEL VALENTE

    Volver

    Ourense, outubro de 2020.-
     
    O Concello abre ao público, na sala Valente, a exposición 'Os caprichos espidos', de Xosé Poldras (A Coruña, 1969), unha colección que combina unha parte artística, de creación orixinal, e outra divulgativa, referida á carpeta dos famosos gravados de Francisco de Goya. 
     
    'Os caprichos espidos' contén 80 debuxos, coa técnica de grafito sobre papel, que forman parte dunha obra gráfica máis extensa (160 debuxos en total) executados para acompañar o estudo teórico sobre unha vertente dos Caprichos, tema da tese de doutoramento de Xosé Poldras, lida en 2015 na Universidade de Vigo, Facultade de Belas Artes. Ademais do interese plástico, estes debuxos constitúen un estudo anatómico pormenorizado de todos os personaxes que poboan a carpeta de Goya.
     
    Parte do interese desta nova exposición son os textos divulgativos, onde o público poderá apreciar algunhas conclusións, as máis sorprendentes, curiosas e rechamantes sobre a forma de entender o debuxo de Goya, e a perspectiva que lle abriu a pintura á arte do noso tempo. “Por algo o artista zaragozano é recoñecido polos estudosos como o último gran mestre da pintura clásica e o primeiro pintor moderno”, afirma Poldras.
     
    Tamén se poderán ver un conxunto de 12 linografías, realizadas expresamente para esta exposición, que mostran composicións coreográficas dalgunhas das figuras anteriores, vistas agora dende outro prisma: as da linguaxe artística de Poldras. Nelas pódese identificar, con maior evidencia, a linguaxe que leva desenvolvendo o autor na súa carreira como gravador.
     
    A mostra inclúe a edición facsímil editada pola Universidade de Zaragoza dos Caprichos, co engadido de seren únicos polos textos manuscritos. Só outros dous exemplares coñecidos en todo o mundo presentan esta particularidade, o da Biblioteca Nacional de Madrid e o do Museo de Pontevedra, que teñen manuscritas outras intervencións diferentes.
     
    A exposición pódese visitar no horario habitual da sala Valente (rúa do Paseo 4): de martes a sábado, de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13:30 horas. Os luns permanece pechado.
     
     
    Ourense 19 de decembro de 2019
     
    A sala municipal José Ángel Valente inaugura esta tarde (20:00 horas) a exposición Retrospectiva, de Carmucha Vázquez Prats. A artista nacida en Pontevedra en 1934, residente en Ourense, presenta nesta mostra medio cento de obras que percorren a súa obra e resumen a súa vida pictórica. Muller adicada á pintura dende nena, é un exemplo de contancia, traballo e implicación artística. A súa primeira exposición foi nos anos 50, e desde aquela realizou continuas mostras a nivel nacional e  internacional
     
    Vázquez Prats procede a pinceladas curtas, case unánimes, que van compoñendo con pequeños fragmentos de cor a paisaxe estremecida da súa pintura. Son pinceladas sinxelas mais sinceras e  alleas ao efectivismo fácil, que se esparexen polo fondo do cadro coa mesma minuciosidade de procedemento que cando tocan a figura protagonista. É mostra desa xenerosidade de valoralo todo co mesmo aprecio, sen establecer distancias  
     
    A mostra poderase visitar até o día 16 de febreiro na sala municipal da rúa do Paseo.
     
    Ourense, decembro de 2019.-

    Esta mañá tivou lugar a presentación do catálogo da exposición de Xavier Cuiñas Liña de flotación, que acolle até o domingo a Sala Valente.
    Nesta presntación, que pon o broche final á exposición, falaron a directora de espazos expositivos do Concello, Eva Torres, o concelleiro de Cultura, Mario González e o artista. O catálogo ten fotografías de Santi Barreiros e textos dos poetas Jorge García-Valenciano e Baldo Ramos.

    O artista Xavier Cuíñas (Ourense,1956) expón a súa última proposta escultórica: Liña de flotación, unha exposición pensada para o espazo de arte contemporáneo que lle inspira a luz e o equilibrio da sala Valente, onde permanecerá até o 15 de decembro de 2019. De recoñecida traxectoria e de interese para o público da nosa cidade, é un colaborador e artista respectado polas principais institucións artísticas, caso do CGAC ou das principais galerías de Galicia. A exposición conta con máis de medio cento de pezas con estruturas absolutamente diferentes entre si. Cuíñas logra distanciarse así dos consabidos espellismos que crea este tipo de arte para definir con voz propia a parte reflexiva do seu traballo.
     
    Horario: de martes a sábado de 11 h a 13.30 h e de 18.30 h a 21.30 h. Domingos de 11 h a 13.30 h. 
     
    Ourense, 17 de outubro de 2019.-
    O artista Xavier Cuíñas (Ourense,1956) inaugura hoxe a súa última proposta escultórica: 'Liña de flotación', unha exposición pensada para o espazo de arte contemporáneo que lle inspira a luz e o equilibrio da sala Valente, onde permanecerá até o 15 de decembro de 2019. De recoñecida traxectoria e de interese para o público da nosa cidade, é un colaborador e artista respectado polas principais institucións artísticas, caso do CGAC ou das principais galerías  de Galicia.
    A exposición conta con máis de medio cento de pezas con estruturas absolutamente diferentes entre si. Cuíñas logra distanciarse así dos consabidos espellismos que crea este tipo de arte para definir con voz propia a parte reflexiva do seu traballo: “O artista esforzouse en demostrarnos que non é casual, senón o resultado da creación e a capacidade do traballo que vén desenvolvendo nestes anos”, asegura Eva Torres, directora dos Espazos Expositivos do Concello de Ourense. “Só así se explican hoxe os seus móbiles, as súas caixas ou a súa serie barricadas”, di.
    No formal, a mostra ten unha coherencia extrema e unha indiscutible interrelación entre todas as pezas á hora de valorar o rigor e o equilibrio. As estruturas de madeira, metal, corda... son o material base da exposición, pero o escultor manifesta, antes de proclamar as bondades e as posibilidades que lle brindan os materiais, que non é unha das razóns definitivas da súa obra, senón froito das circunstancias. Unha maneira de afondar na súa parte máis íntima e intelectual, o que lle permitiu lograr metas importantes na procura constante que o absorbe. 
    'Liña de flotación' súmase ás mostras do Museo Municipal ('Inquietudes', de Fernando Prieto, e 'Fragmentos de existencia', de Francisco Ramos) como  principal oferta expositiva do Concello de Ourense.
     
     
    Ourense, febreiro de 2018.- 
     
    Baixo o título “O eco das amazonas”, o artista ourensán Baldomero Moreiras, estrea unha mostra onde a Muller é a grande protagonista. A exposición, que permanecerá na Sala Valente ata o 29 de abril, enche o espazo expositivo de profundidade e promove unha reflexión sobre a autolesiva desigualdade que como sociedade aínda hoxe non somos quen de erradicar.
     
    Desde o Concello de Ourense, valorando o carácter extraordinario desta exposición, contribuímos a que sexa eixo dun amplo programa de actividades artísticas: visita guiada musical con Juan Manuel Vázquez e Irma Ferández Alonso, recital de poesía de Chus Pato, concerto de guitarra de Tomás Camacho, e dúas conferencias de Xosé Carlos Sierra e Manolo Menor Currás, que se sucederán desde o día 8 de marxo ata o 12 de abril. Estupendos complementos dunha exposición que nos enche de orgullo pór á disposición de toda a cidadanía.
     
     

    Ourense, novembro de 2017.

    A Sala Valente acolleu a presentación da exposición Materia infinita, de Xosé Cid. Nesta mostra, que permanecerá aberta ata febreiro, o artista amosanos a súa evolución en materiais tradicionais da escultura galega, como o granito e madeira, mármore e bronce. A súa escultura é conservadora e amable, tanto no aspecto técnico como na iconografía. 


    As súas obras están inspiradas na figura humana e adoitan ter un paquete redondo, potenciando a masa, a verticalidade e a solidez. O resultado é unha escultura de carácter totémico que carece de relación co espazo que os rodea. O tratamento que o infiere é superficial, mediante liñas curvas moi suaves e de gran radio que provocan sucesións ininterrumpidas de planos convexos cóncavos e superficiais.


    Xosé Cid trata de potenciar a capacidade expresiva do material: o volume e a textura do material, xa sexa en pedra, as estrías de madeira ou os rastros de modelado ao traballar con terracota e bronce.


    Nesta ocasión presenta entre 20 e 25 pezas de grande formato de mármore, bronce e madeira de complexa manipulación.


    Xosé Cid

    Desde os anos 70 colaborou con diferentes galerías como a Galería Altamira de Pontevedra, a Galería Ceibe na Coruña e a Galería Souto de Ourense. Tamén exhibiu numerosos monumentos públicos nos pobos galegos, como a estatua de San Rosendo de Ourense, Concepción Arenal de Ferrol, o Monumento aos afiadores de Santiago de Compostela ou o Breogán do Xardín das esculturas da Torre de Hércules na Coruña. A súa obra tamén forma parte de importantes coleccións artísticas como o Museo Castrelos de Vigo, a Colección de Arte, a Colección Fenosa da Coruña, entre outros. Pois é este o percorrido que incide no artista en xestionar un proxecto diferente os anteriores. Con 72 anos amosanos unha reflexión ao seu traballo .


    Nesta mostra, veremos obras novas que recordan ao total da súa traxectoria profesional e artística, lembrandonos a arte galega máis pura.


    Xosé Cid Menor segue a banda deixada polos membros do grupo O Volter e forma parte do que podería ser chamado de segunda xeración do núcleo activo ourensano. Accedeu ao panorama escultórico a principios dos setenta ata a bienal Pontevedra, participando nos anos 1970, 1972 e 1974, e as súas derivacións como a Trienal de Santiago de Compostela na que gaña a Terceira Medalla.


    Nos presenta nesta ocasión a súa última producción artística, con liñas máis abstractas sen perder o escultor clásico que leva dentro.

     

    Ourense, 24 de maio de 2017.

    Capturar a arte das rúas de Ourense e plasmala sobre o lenzo e na cámara de fotos é o obxectivo da terceira edición dos concursos de Pintura Rápida e do Maratón de Fotografía Cidade de Ourense, que se celebrarán as vindeiras fines de semana (27 de maio e 3 - 4 de xuño respectivamente) na nosa cidade. Con preto de 5.000 euros de premios en metálico, as dúas actividades concíbense coma o mellor xeito de darlle visibilidade á arte urbana e de dinamizar a vida cultural en Ourense.

     

    Pintura rápida, sábado 27 de maio. O concurso de Pintura Rápida celebrarase o sábado 27 desde as 9:00 horas da mañá, momento no que a organización -agrupación de artistas de Ourense, LADDO- comezará a selar os soportes: un por participante, montado sobre bastidor ou estrutura ríxida e inferior aos 120cm. no seu lado máis longo. Os interesados, que deberán inscribirse no enderezo concursopintura[arroba]ourensecultura.com ou na mesma sala Valente até as 11:30 horas, deberán entregar os traballos entre as 16:00 e 17:00 horas no espazo expositivo da rúa do Paseo, onde serán expostos até as 21:30 horas.

     

    O xurado considerará a orixinalidade das obras, a calidade técnica e a calidade artística. Os premios serán os seguintes: un primeiro premio de 1.200 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 400 euros, así como 3 mencións especiais de 100 euros.

     

    Maratón de Fotografía, sábado 3 e domingo 4 de xuño. Para a fin de semana seguinte, a Concellería de Cultura abre o concurso a todos os entusiastas da fotografía que queiran probar o seu talento botando un pulso na rúa. Baixo o paraugas da fotografía urbana, as propostas deben ser capaces de ser avaliadas de forma conxunta coma unha serie.

     

    Poderán participar todas aquelas persoas, maiores de idade, que formalicen a súa inscrición, de forma gratuíta, no punto de control emprazado na sala Valente entre as 11:00 e as 11:45 horas ou a través do enderezo de correo fotomaraton[arroba]ourensecultura.com. Ás 12:00 horas darase a saída co primeiro dos temas propostos pola organización, e así ata en catro ocasións. As imaxes serán entregadas no punto de control antes das 11:00 horas do domingo 4. As fotografías deberán facerse nos límites do Concello de Ourense, para o que os participantes poderán empregar o transporte público de balde.

     

    O xurado considerará a coherencia da serie fotográfica, a orixinalidade, a calidade técnica e artística. Os premios serán os seguintes: 1.000 euros para a mellor serie fotográfica, 500 para a segunda mellor e 300 para a terceira; ademais haberá 4 mencións especiais de 100 euros á mellor fotografía de cada tema.

     

    Ourense, 25 de abril de 2017.

    A sala Valente acollerá a primeira parada da exposición itinerante 'Os mundos de Carlos Casares', unha oportunidade de coñecer a faciana literaria, pero tamén humana, con máis de 500 pezas entre as que se poderán contemplar imaxes da infancia, notas manuscritas de Vicente Risco, un cinematógrafo con bobinas orixinais do autor, recortes de prensa, ou seu certificado de voda. Casares Mouriño, autor homenaxeado polas Letras Galegas 2017, poderá ser visitado até o vindeiro 21 de maio na céntrica sala ourensá.

     

    Unha cidade debe coñecer os persoeiros que a engrandecen, porque son os seus referentes sociais, culturais, por iso recoñecer a Casares non só é unha forma de agradecerlle o moito que quixo esta cidade, e dunha forma moi activa, é tamén espallar o seu legado”, afirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación. Xunto a el estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación; Håkan Casares Berg, primeiro fillo de Carlos Casares; Chus Martínez, secretaria da exposición; e Antonio Pérez, alcalde de Xinzo de Limia, localidade que será a última parada de 'Os mundos de Carlos Casares', no mes de decembro. Antes pasará por Santiago de Compostela, A Coruña, Riveira, Carballo, Vigo, Lugo e Pontevedra. A exposición pódese visitar de martes a sábado de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13:30 horas. Os luns o espazo está pechado.

     

    Ano de Casares. A elección de Ourense como primeira parada foi, para todos os asistentes, un acerto, xa que non se podería entender a figura do escritor sen a súa implicación na sociedade local. De feito, o 16 de maio haberá actos institucionais de homenaxe ao escritor e terá lugar, ademais, o Concerto das Letras, o 16 de maio da man da Real Filharmonía de Galicia, no que se interpretarán obras sobre textos de autores galegos coa estrea de Formiga, de Rubén Vizcaíno, precisamente a partir dun texto do libro A galiña azul de Casares -exemplar que tamén se poderá ver na exposición-.

     

    O Concello de Ourense leva ademais, desde o mes de marzo, realizando visitas periódicas a escolares e a todo o mundo que así o solicite do Roteiro Casares, con parada nos escenarios emblemáticos da súa traxectoria. 

     
    Páxinas: 1 2 3 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica