- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL
Presentado o catálogo da Retrospectiva de Carmucha Vázquez Prats, que recibiu xa máis de 2.000 visitantes

Ourense, 12 de febreiro de 2020
Máis de 2.000 persoas visitaron até hoxe a exposición Retrospectiva, que recolle medio cento de obras de Carmucha Vázquez Prats que percorren a súa obra e resumen a súa vida pictórica. Esta mañá tivo lugar a presentación do catálogo desta exposición, que está aberta ao público até o domingo na Sala Valente. A artista expresou a súa ledicia e agradecemento polos resultados da mostra, tanto pola afluencia de público, que cifrou en máis de 2.000 persoas, como polo apoio recibido por parte do Concello, polo equipo da Sala Valente e pola calidade do catálogo.
A mostra foi un éxito tremendo, en palabras da directora de espazos expositivos do Concello, Eva Torres, quen subliñou que Vázquez Prats é unha artista que vive da sala, da súa obra e da súa xente, xa que foi partícipe da exposición constantemente, coa súa presenza na propia sala.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Mario González destacou a calidade da mostra que, recoñeceu, visitou en moitas ocasións “sacándolle todo o xugo a Carmucha, que nos contou toda a súa historia, e incluso pequenas anécdotas que estaban escondidas detrás destes cadros”, subliñando que foi un pracer coñecer a Vázquez Prats, como artista e como persoa. Tamén puxo en valor a achega da Sala Valente á programación cultural da cidade: “seguimos traballando neste marabilloso espazo, que é un pulmón de cultura para a cidade, e seguiremos apoiando o traballando o traballo dos artistas de Ourense”.
Carmucha Vázquez Prats
Muller adicada á pintura dende nena, Vázquez Prats é un exemplo de constancia, traballo e implicación artística. Fixo a súa primeira exposición nos anos 50, e desde aquela realizou continuas mostras a nivel nacional e internacional. Vázquez Prats procede a pinceladas curtas, case unánimes, que van compoñendo con pequenos fragmentos de cor a paisaxe estremecida da súa pintura. Son pinceladas sinxelas, mais sinceras e alleas ao efectismo fácil, que se esparexen polo fondo do cadro coa mesma minuciosidade de procedemento que cando tocan a figura protagonista.
A mostra pódese visitar até finais desta semana: o sábado, de 13.30h e de 18.30h a 21.30h e os domingos de 11h a 13.30h.