CONTACTO

  • Expo Nós
  • os nosos fondos
  • yout
  • Audi
  • I. Tascón
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    Ibuprofeno trae ao Auditorio O mel non caduca, traxicomedia sobre a obsolescencia programada e a degradación do planeta

    Ourense, 26 de febreiro de 2020
     
    A compañía galega Ibuprofeno Teatro presenta mañá, xoves, no Auditorio de Ouense (20:30 h) a súa nova montaxe O mel non caduca, unha traxicomedia arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e a degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica capitalista, do crecemento e do consumo masivo de produtos. Unha obra, di a compañía, “para emocionar e concienciar e tamén para rir e emocionar”. As entradas, desde 3 euros, pódense adquirir en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.
     
    Ibuprofeno teatro é unha compañía privada formada por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, dous profesionais que -despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas- promoveron en 2010 o seu propio selo de produción, para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente, nos que integran a escrita dramática no mesmo proceso de creación e posta en escena das obras. O texto e a dirección son de Santiago Cortegoso, a interpretación de Marián Bañobre e Avelino González.
     
    O mel non caduca ten forma de collage en todos os sentidos: temático, estético e na linguaxe, con 2 tramas que se complementan con outros textos (monólogos e diálogos), e con escenas xestuais e de movemento escénico en relación coa versatilidade do espazo escénico, composto por colmeas e outro material de apicultura. 
     
    Dous científicos/apicultores, en 2173, levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos, nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva na historia. Dous irmáns volven á casa familiar na aldea pola morte da súa nai. O conflito aflora cando deben xestionar as pertenzas familiares. O máis vello quere vendelo todo, a máis nova entra nunha crise vital porque se debate entre a súa acomodada vida nunha cidade e a nostalxia que lle produce volver entrar en contacto cos obxectos e os recordos que marcan a súa historia vital.
     
    Máis información en www.ibuprofenoteatro.com

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica