CONTACTO

  • os nosos fondos
  • Verán Cultural
  • yout
  • Audi
  • I. Tascón
  • Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL

    O Museo Municipal abre as súas portas o 30 de xuño coa colección de arte privada que custodia o Concello

    Ourense, xuño de 2020.-
     
    O Museo Municipal ábrelle de novo as súas portas á cidade este martes 30 de xuño. Será coa colección de arte privada que custodia o Concello, 'Os nosos fondos'. Preténdese dar a coñecer aos propios ourensáns e a todo o público que veña a visitar a nosa cidade o importante patrimonio dos artistas locais: “Nun momento tan convulso coma o que estamos a vivir, é moi importante para a nosa identidade social e cultural amosar a colección de arte máis íntima dos nosos artistas máis destacados”, asegura Eva Torres, directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense. 
     
    A exposición, de carácter permanente, contén importantes mestres da pintura e da escultura ourensáns, caso de Prego de Oliver, Cándido Fernández Mazas, Luis Trabazo, Xaime Quesada, Antonio Quesada, Virxilio Fernández, Acisclo Manzano, Manolo Buciños, Xosé Cid, Vidal Souto, ou Alexandro, entre outros. Forman parte da colección de 1.306 obras de arte -pintura, escultura e debuxo- que se conservan e custodian no Museo Municipal de Ourense. 
     
    'Os nosos fondos' chega ademais co centenario da Revista Nós: o Concello quere renderlle así unha homenaxe ao traballo deste grupo de intelectuais e a un dos proxectos culturais colectivos máis singulares e universais que desenvolveu na cidade de Ourense.
     
    O Museo Municipal de Ourense ocupa dende 1987 un antigo edificio renacentista do século XVII. A antiga casa da familia Méndez Montouto ten tres plantas, dúas dedicadas nos próximos meses a exposicións permanentes nas que se presentarán as coleccións privadas do Concello de Ourense a través de 'Os nosos fondos'. A terceira planta estará dedicada a exposicións temporais coma até o de agora: o 3 de xullo presentarase 'Cromática, bienal de pintura de arte novo'.
     
    Emprazado na rúa Lepanto, antiga rúa da Obra -nome que lle deron os construtores que traballaron a pedra para a catedral desa rúa, xunto á entrada norte-, pódese visitar no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas; os domingos, de 11:00 a 13.30 horas; os luns permanece pechado.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica