CONTACTO

  • Expo Nós
  • os nosos fondos
  • yout
  • Audi
  • I. Tascón
  • Desde hoxe está habilitada a reserva de entradas para A Bela Auria, a festa histórica que terá lugar o sábado 19 nos Xardíns do Bispo Cesáreo

    Ourense, sábado 12 de setembro de 2020.-
     
    Baixo o lema “Celebremos Nós”, o vindeiro sábado 19, volve a festa histórica A Bela Auria, que vén a homenaxear o esplendor cultural de Ourense no anos vinte do século pasado. Os Xardíns do Bispo Cesáreo serán o epicentro das actividades. O acceso ao recinto será libre con control de aforo, e será preciso reservar entradas para as actividades concretas do programa.
     
    Ademais, a festa é inclusiva, e en varias actividades haberá intérprete de signos. En solidariedade coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense -APSOU-, haberá sitios reservados nas primeiras filas para facilitar a visibilidade da intérprete. Os animais son benvidos, incluso terán un recuncho no que retratarse.

    Protocolo COVID
    Para un óptimo desenvolvemento da festividade, será necesario chegar ao espazo de cada actividade cunha antelación mínima de 20 minutos, para facilitar a entrada graduada. En caso contrario, o asento reservado non estará garantido.
     
    Actividades que precisan reserva de entrada en abelaauria.eventbrite.es
     
    11h00. Visita guiada: NÓS e Blanco Amor | A Bela Auria
    Unha visita guiada pola obra literaria do xenio ourensán Eduardo Blanco Amor.
    Comentaremos pasaxes das súas obras "A Esmorga" e "La Catedral y el Niño", xunto a momentos claves da súa vida, e falaremos da súa relación cos outros intelectuais de Auria para axudarnos a comprender a súa obra.
     
    12h00. Circanelo. (Novo circo. Compañía Fredi e Cía.)
    Circanelo é teatro xestual, danza e acrobacia; é espontaneidade, sorpresa e diversión; entusiasmo tenrura e enxeño. É un personaxe de varios recursos que combina diferentes disciplinas tuteladas por un marcado rexistro de clown para crear unha historia absurda sobre un artista coa intención de presentar o seu espectáculo, custe o que custe.
     
    12h40. O Nubinete e o paraugas Dameaugas. Sesión de contacontos con Anxo Moure.
    O Nubinete do paraugas Dameaugas chega á Bela Auria nunha homenaxe á infancia, á diversión, aos parques, aos patinetes e a D. Juan de la Coba, co seu invento máxico do paraugas universal!!
    Preparados, listos, xa... despegamos acompañados por unha intérprete para lingua de signos. Anímate a voar!
     
    13h15. Obradoiro de Lindy Hop
    Queres aprender as bases do baile swing máis popular?
    O lindy hop é un baile nado entre a comunidade afroamericana de Harlem, en Nova Iork, asociado á música swing das big bands daquela. Sería o que chamaríamos popularmente o "rock and roll dos negros". É un baile dinámico, divertido, desenfadado pero tamén elegante e moi identificado cos tolos anos 20. Anímaste a probar? Anótate e a mover o esqueleto na Bela Auria!
     
    13h30. Sesión vermú: The Swinging Flamingos
    A enerxía vibrante da era do swing mestúrase con elegancia en The Swinging Flamingos, que buscan transferir a esencia das grandes bandas norteamericanas .
    Déixate levar e goza dun espectáculo cheo de enerxía, swing e bo humor, que che fará esquecer todos os males.
     
    17h30. Escape Room: O misterio das linguas de NÓS
    Aventura en familia: Axuda a esclarecer o roubo da revista Nós!
    Alguén roubou o primeiro número da revista NÓS a noite anterior ao día que ía ser levada á imprenta!!
    O roubo foi na casa de Vicente Risco, e o propio Risco atopou unha nota firmada polo ladrón co pseudónimo "O Trasno da Vila". Risco chamou á Garda Civil para denunciar os feitos e activar a operación de búsqueda e rescate do número roubado.
    Agora a Garda Civil require da colaboración cidadá para dar co "Trasno da Vila" e recuperar o número 1 da revista Nós.
    Apúntate! Fai as túas pesquisas, bota unha man á autoridade!
     
    18h00. Nós, as mulleres. Roteiro teatralizado.
    Alá polo 1933, vendo a situación no seu país, Alemaña, Margot non cre que poida volver á terra que a acolleu cos brazos abertos, a súa Galicia querida.
    Nunha última escapada para reencontrarse coas letras, coa fala e cos agarimos dos seus colegas de NÓS, Francisca crúzase no seu camiño e aínda que non se coñecían, descobren no seu percorrido o que as une, as letras e o amor á terra.
     
    18h00. Obradoiro de esgrima antiga
    Os amigos da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga súmanse de novo á Bela Auria cunha demostración de técnica de combate con espada e broquel, espada rapieira, rapieira e daga e, se a cousa se anima, sable de duelo e espada de man e media.
    Achegarannos tamén a oportunidade de poder ser nós mesmas quen practiquemos esta antiga e nobre tradición. Nenos e nenas, e tamén persoas maiores teremos a posibilidade de facer asaltos cos monitores das actividades. Anótate!
     
    18h00. Acto poético central
    Acto central da Bela Auria, no salón nobre do Liceo.
    Participan:
    Carmen Conde. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC, e diplomada en Dramaturxia pola ENERC (Bos Aires). Actriz, humorista e guionista, proclamouse gañadora da final compostelá do primeiro Slam Poetry Compostela.
    Miguel Ángel Sampedro Terrón presenta un recitado poético en directo en Lingua de Signos, que segue acompañado de español falado. Recita varios dos seus propios poemas e pode incluso incluír algúns outros de poetas famosos.
    Mantedor: O limiao Alexandre Folgoso será o mantedor do acto. É un artista visual e filólogo especializado en estudos literarios. Na súa obra explora a relación entre fotografía e motivo poético, reinterpretando elementos da tradición cultural galega desde un prisma contemporáneo. Na actualidade traballa no que será o seu primeiro fotopoemario.
     
    19h15. Carmen Conde: Tabú. -Narración oral-
    Narración oral baseada nas intimidades das nosas devanceiras.
    Tabú é o novo espectáculo de Carmen Conde, nado froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto, sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.
    Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.
    Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.
     
    21h45. Cinema musicado: A quimera do ouro
    O antigo cinema clásico. A QUIMERA DO OURO. Unha das obras mestras do cinema de Chaplin.
    "A quimera do ouro" é unha película de comedia muda estadounidense de 1925; escrita, dirixida, producida e protagonizada por Charles Chaplin. É considerada unha das súas obras máis famosas e el mesmo declarou varias veces que era a película pola que máis quería ser recordado.
    Verémola musicada en directo ao piano.
     
    23h30. Concerto Marian Ledesma & Tinaquero Brothers
    Con máis de 20 anos de experiencia nos escenarios, Marian Ledesma, volve a ela na compaña dos irmáns Tinaquero: Juan (contrabaixo) e Luis (guitarra), figuras indispensables da escena Blues en Galicia.
    Traen eses blues clásicos, dos que Robert Johnson, Ma Rainey, Bessie Smith, Elisabeth Cotten, Etta James e incluso Billie Holliday nos deixaron como legado para a nosa bagaxe musical e cultural. Coa voz persoal de Marian Ledesma, imos viaxar por Mississippi, Chicago ou Nova Orleans para pechar .

    Enlace á reserva de actividades.
     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica