CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • 537 vídeos e 68 canles compiten nos Premios Youtubeir@s, que darán a coñecer as creacións gañadoras desta IV edición

    Ourense, 1 de decembro de 2020.-
     
    A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, dará a coñecer as persoas gañadoras dos seus doce premios a comezos do mes de decembro. Neste atípico 2020, por mor das circunstancias sanitarias, a organización do certame substituirá a gala de entrega por un formato dixital no que os/as finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistados/as polas poetas Lucía Aldao e María Lado. 
     
    As conversas serán emitidas en Youtube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20.00 h, mentres que a decisión definitiva do xurado ao respecto do palmarés se fará pública tras a ponte de decembro. Nesta cuarta edición, os Premios Youtubeir@s bateron as marcas de participación, ao duplicar amplamente as inscricións. Se en 2019, a concorrencia acadara a cifra de 240 vídeos e 50 canles, neste 2020 o xurado decidiu entre 537 vídeos e 68 canles.
     
     
    Entrega de premios en liña. Tras a decisión do xurado (conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montes), a actividade de difusión continuará en Youtube e nas redes sociais dos Premios Youtubeir@s, xa que AldaoLado realizarán entrevistas con cada unha das persoas premiadas e promocionaranse as iniciativas galardoadas nos doce premios ao longo do mes de decembro. 
    Dende a organización dos premios destácase que entre os/as concorrentes deste ano se atopa un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polos/as yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, fútbol, videoxogos ou o rap contan con maior presenza.
     
    7.500 euros en premios. A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nos doce galardóns do certame neste ano. Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos en lingua galega con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como di o lema deste ano.
     
    O concurso conta coas seguintes categorías: 
     
    · Canle (1.000 euros)
    · Vídeo (1.000 euros) 
    · Youtubeir@ (1.000 euros)
    · Calidade lingüística (500 euros)
    · Impacto (500 euros)
    · Calidade técnica (500 euros) 
    · Comunicación (500 euros)
    · Creatividade (500 euros)
    · Musical (500 euros)
    · Didáctico (500 euros)
    · Pioneiro (500 euros)
    · Premio do público (500 euros)
     
     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica