- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
O Concello prepara unha gran exposición de personaxes tradicionais do Entroido de Ourense

Ourense, febreiro de 2021.-
O Concello organizará, durante o mes de marzo na sala Valente, unha gran exposición con máis de 50 personaxes tradicionais do Entroido ourensán. “Canceladas todas as grandes celebracións do evento máis sinalado do ciclo festivo da cidade, sen hostalaría nin actos culturais”, explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “o goberno municipal decidiu aprazar a exposición de personaxes”, di, cuxa apertura estaba prevista para o mes de febreiro, coincidindo co Entroido.
Os elementos que se exporán proceden de cesións realizadas por 34 concellos -hai 44 localidades representadas-, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia.
Xunto cos personaxes e os seus elementos, tamén se poderá coñecer grazas a esta exposición o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense: é o caso dos domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as tradicionais líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.