- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - CLAUSTRO DE SAN FRANCISCO

O claustro formou parte do convento de San Francisco, moi importante para a historia de Ourense. O primeiro asentamento franciscano ergueuse na actual Praza do Correxedor a mediados do s. XIII. Como noutras cidades medievais, as ordes mendicantes, principalmente Franciscanos e Dominicos, establécense nas periferias das urbes.
No ano 1292, no marco dos conflitos existentes entre o Bispado e o Concello, os partidarios do bispo Pedro Yáñez de Novoa destruíron o asentamento franciscano. En 1308 o Papa Clemente V obrigouno a reconstruír o convento. Pero o bispo Pedro morre nese mesmo ano, e serán os seus sucesores os que inicien a nova edificación no novo emprazamento, o actual. Sábese que estaba practicamente en funcionamento a mediados do s. XIV, despois da construción da igrexa (1348) e do claustro (1325-1350), ambos os dous de estilo gótico. No s. XV está en pleno esplendor, reuníndose nel ás veces o Concello e o Cabido catedralicio.
O claustro e a igrexa, de estilo gótico, teñen unha historia inseparable da do convento. Pero o conxunto conventual foi ampliándose e modificándose co paso do tempo, con obras senlleiras do Renacemento e posteriores, como o claustro setentrional ou a capela da Venerable Orde Terceira franciscana, do s. XVIII. Esta última utilízase como sala de exposición escultórica permanente do Museo Arqueolóxico Provincial.
Despois da Desamortización o convento tivo a función de cuartel, acollería o Rexemento Zamora n.º 8. A última gran modificación estrutural foi o traslado de parte da igrexa ao parque de San Lázaro, e sería bendicida no ano 1929. En 1951 foi declarada Monumento Histórico-Artístico.
Detrás do conxunto conventual está o cemiterio municipal de San Francisco, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2000 polos seus valores arquitectónicos e polos salientables persoeiros que acolle. A necrópole substitúe os cemiterios urbanos nos inicios do s. XIX, que se desprazan ao exterior das cidades por mor das medidas hixienistas ilustradas. O terreo fora doado polos frades franciscanos en 1822,mais non será bendicido até doce anos despois polo bispo Dámaso.
O CLAUSTRO
O claustro gótico, dado o estado das súas cubertas, na actualidade case ofrece o aspecto dunha ruína consolidada, ata que non se completen todas as obras do conxunto conventual. Estaba acaroado á parede norte da antiga igrexa, cuxo nártice ou entrada coincidía coa actual estrutura de acceso. Edificouse na primeira metade do s. XIV, entre 1325 e 1350, nun estilo gótico de forte tradición románica. Foi declarado Monumento Nacional en 1926.
As arcadas que delimitan o xardín rectangular, case cadrado, teñen sesenta e tres arcos apuntados: dezaoito ao poñente, trece ao norte, dezasete ao nacente e quince ao sur. Sostéñense sobre columnas pareadas, coa excepción das oito que forman o ángulo noroeste, que son únicas e teñen fustes con sección cuadrilobulada.
A diferenza coas outras columnas débese a que nesta esquina do xardín claustral, símbolo conventual do Edén, se situaba o “lavatorium”, fonte cuberta por unha bóveda de nervadura tamén gótica. Esa estrutura, hoxe desaparecida, permitía aos frades lavarse antes do refectorio, posibilitando a hixiene espiritual e física antes de escoitar a palabra de Deus mentres comían.
Os capiteis, cunha esmerada e delicada factura, forman unha rica mostra de figuras vexetais (fitomorfas), animais (zoomorfas) reais e fantásticos e humanas (antropomorfas). Neste motivos son frecuentes as escenas de combate.
No corredor norte ábrese a Sala Capitular, reducida de tamaño tras ser convertida en capela funeraria pola familia Sandoval no s. XVI. Tamén foi obxecto doutras reformas posteriores. Accédese a ela por unha porta cun arco renacentista profusamente decorado e flanqueado polas figuras da Virxe da Anunciación e do Arcanxo San Miguel. Da sala orixinal son representativos as xanela apuntadas góticas. Tamén do s. XVI é a portada que se abre no corredor oriental.

Neste enlace pódese consultar o catálogo das obras de rehabilitación.