Señores, señoras,
É para min unha honra volver presentar unha nova tempada de música de cámara na cidade de Ourense. Como ben saben, vimos traballando moi seriamente neste eido, coa intención de ofrecer unha programación de calidade, variada no repertorio e na posta en escena, co firme compromiso de colocar a cidade no mapa. Pensamos que xa o estamos a lograr. Pero non sería posible, evidentemente, sen a súa axuda. Co seu ánimo e coa súa asistencia aos concertos dannos forzas para seguir adiante.
Procuramos que esta programación fose variada, tanto no instrumental como nas obras que a compoñen. Excepto no caso dos tres cuartetos (Debussy, Attacca e Bretón) o resto dos concertos serán levados por formacións diferentes (os instrumentos de ambos os dous tríos varían) ou no plano lírico, por cordas distintas (tenor e contratenor). A idea é deixar entrever as diferentes posibilidades musicais.
No programático, facemos un percorrido que vai desde o clasicismo, comezando co “pai” Haydn deica os nosos días (Alberto Iglesias, John Adams,...). A paleta é moi ampla: a música latinoamericana e española na voz de José Manuel Zapata, a integral dos tríos de frauta de Haydn polo De Winnie Trío, a actualidade norteamericana da man do Cuarteto Attacca, a cor de Ravel polo Cuarteto Debussy, etc.
En canto aos intérpretes (de España, EEUU ou Francia), son todos músicos e músicas de ampla experiencia e sólidas carreiras. Solistas como Carlos Mena, Javier Perianes (Premio Nacional de Música), José Manuel Zapata, ou o Cuarteto Attacca (que en febreiro deste ano foi convidado á tempada da Orquestra Nacional de España, para tocar, xunto a esta, obras de Adams) ou o Cuarteto Debussy (que conta cunha gravación de Shostakovich considerada unha referencia) son habituais das tempadas de salas de todo o planeta.
Os músicos españois están ben representados por algúns dos nosos nomes máis internacionais como son Mena, Zapata, e Perianes, ao tempo que a achega galega vén da man do brillante pianista nado na Estrada, Javier Otero Neira que forma trío con músicos das formacións galegas.
En definitiva, unha máis que interesante proposta, que pasa a formar parte da xa ampla proposta cultural da cidade, algo que debe facernos sentir máis orgullosos aínda. Agardamos contar coa súa participación e espero que o programa resulte do seu agrado. Adiante unha nova tempada de música de cámara, adiante o Enclave de Cámara!